Comezan distintas pavimentacións de espazos púbicos e a ampliación do paseo do río até a senda do Lérez

46

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana distintas obras de pavimentación e mellora dos espazos públicos en varias prazas e rúas da cidade, así como de espazos de lecer de grande concurrencia de público aproveitando a chegada da primavera e o tempo seco. Estase a pavimentar a praza de Europa, o parque das Camelias e tamén a ampliar o carril-bici da praia fluvial para entroncalo coa pasarela peonil de madeira da senda do Lérez.

O concelleiro de Medio Ambiente Urbano, Luís Bará explicou esta mañá que se están a facer traballos de mantemento na praza de Europa de Monte Porreiro mellora de pavimento, recollida de augas pluviais e pequenas obras de accesibilidade que precisaba este punto de encontro do barrio.

Tamén se iniciaron hoxe os traballos de pavimentación das sendas peonís do parque das Camelias, ao carón da rúa Gaiteiro Ricardo Portela. Cun orzamento de 19.605,29 euros.

E están previstas distintas pavimentacións no ámbito de Xofre de Tenorio, porque o firme xa esgotou a súa vida útil. Cun orzamento de 49.897,66 euros está prevista a pavimentación da rúa do Ouro, Xan Guillermo, Campo do Boi, Cornelis de Holanda e Pilar Bértola.

Sobre a senda do Lérez, o Concello está a ampliar a zona de tránsito peonil e ciclista até a pasarela de madeira da avenida de Bos Aires na que arranca a senda do Lérez. Estes traballos enmárcanse dentro da mellora que se realizou nestes últimos meses no paseo do río até a praia fluvial.

Aproveitando os sobrantes próximos á ponte de Monte Porreiro, continuarase a senda peonil e ciclista, ampliando a beirarrúa até chegar á pasarela de madeira. Esta está na actualidade pechada ao tránsito peonil porque se atopa afundida e en mal estado, pero está prevista a súa reposición con estes traballos.

O orzamento desta actuación é de 40.986,40 euros, dos cales 7.875 son de reparación da pasarela de madeira.

Sobre as obras da rúa dos Campos, o concelleiro anunciou que poderán estar rematadas a finais de mes ou a primeiros de maio, xa que están rematando a pavimentación da calzada e as beirarrúas, e queda pendente a execución dun tramo de senda peonil entre a antiga escola de Os Campos até a rúa Santa Margarida.

O concelleiro Luís Bará tamén quixo facer balance da nova mobilidade da praza de Barcelos. Segundo explicou, as primeiras valoracións da Policía Local o descenso de tráfico na praza puido ser dun 60%, aínda que esta cifra irase concretando nas vindeiras semanas.

O que si se constata é un perfecto funcionamento do tráfico na zona, tanto na praza como nas perimetrais.

Ademais, tamén se está en conversas coa comunidade escolar -fundamentalmente- para consensuar as melloras que se introducirán na praza nos vindeiros anos. O que será inminente será a ampliación do parque infantil e do equipamento deportivo. De feito, este venres, ás 18.00 horas está prevista unha exhibición de xinmnasia rítmica do Club Treboada. O Concello pretende de encher de actividade este novo espazo peonil.