400.000 euros para composteiros individuais e comunitarios

53

A implantación dun novo sistema de xestión e tratamento de lixo respectuoso co medio ambiente é o obxectivo e xa se traballa para acadalo. O Goberno local aprobou dúas modificacións de crédito por valor de arredor de 1,8 millóns de euros que inclúe unha partida de 400.000 euros destinada a adquisición e instalación de composteiros individuais e comunitarios.

Raimundo González Carballo, concelleiro de Economía, calcula que a provisión de cartos chegará para atender as necesidades de composteiros dos barrios e da práctica totalidade do rural aínda que a cuantificación exacta está por facer. “A nosa é unha aposta firme pola compostaxe e o proceso alternativo de recuperación do lixo” subliña o concelleiro quen lembra que xa o orzamento municipal conta cunha partida de 130.000 euros para este fin. Ademais o Concello de Pontevedra pediu a Deputación, ao abeiro do plan provincial, dous composteiros comunitarios para as dúas primeiras experiencias que haberá na cidade: no barrio de Monte Porreiro e na parroquia de Campañó.

A aposta pola compostaxe precisa da implicación da veciñanza para que teña éxito e neste convencemento está a xornada sobre o novo sistema de tratamento e recollida de lixo que propón o Goberno local e que aberta a toda a cidadanía e que convocou o Concello para o próximo xoves 14 de abril. Están especialmente convidados os colectivos veciñais e sociais de Pontevedra así como os membros do Consello Económico e Social. A cita será no salón de actos do Museo ás 20.00 horas.