O respaldo aos lombos continúa. Agora en Cerponzóns

50

Os veciños de Cerponzóns súmanse ás parroquias do rural pontevedrés que reclaman a instalación de pasos de peóns sobrelevados nas vías do rural. A concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña recibiu nestes días máis de 50 sinaturas de veciños da parroquia coas que reclaman que se manteñan os lombos instalados nalgunhas das vías municipais de Cerponzóns, pero tamén que se respecten as previsións de instalar os que xa tiñan pactado o Consello parroquial noutros lugares da parroquia.

Esta petición vén a sumarse ás que xa fixeron o consello parroquial de Salcedo, a asociación de veciños de Salcedo ou máis de 300 veciños de Santa María de Xeve que reclaman a instalación de lombos na vía provincial que une a parroquia con Moraña.

Estes posicionamentos veciñais ratifican o posicionamento do Goberno Local ao respecto da modificación da ordenanza de circulación a raíz dunha moción do Partido Popular e aprobada pola totalidade da oposición, que suporá a retirada de grande parte dos pasos de peóns sobreelevados tanto no ámbito urbano como no rural.

O Goberno Local sostén que a aplicación da ordenanza suporá unha desfeita económica e administrativa porque trasladará os criterios de construción de Fomento ás vías urbanas.

Esta translación implicará situacións como:

    • A distancia entre redutores ten que pasar de 50 metros a 200 metros
    • Tampouco se poderán poñer nos primeiros 50 metros da rúa
    • Nin en rúas de menos de 200 metros
    • Nin en rúas con pendentes superiores ao 5%
    • Só se poderán pór en rúas con máis de dous carrís de circulación
    • Os redutores da nova norma terán unha meseta de 4 metros (cando no modelo de Pontevedra algúns teñen máis a petición dos autobuses)
    • A pendente da rampla de entrada e saída do paso sobreelevado terá que ser dun 10%, cando na actualidade os técnicos municipais as proxectan dun 6%.

Ademais o Goberno Local defende que a tramitación da modificación da ordenanza de circulación foi moi deficiente. Foi aprobada por urxencia, cando na Deputación provincial que ten unha regulación para este tipo de redutores de velocidade, a tramitación durou dous anos, tendo informes en contra e sen dispor un estudo económico das implicacións que tería a aplicación da nova modificación.

O Goberno aposta por anular esta modificación ou, alternativamente, que non se proceda á súa aprobación definitiva.