80 alumnos de FP participan dende hoxe no proxecto europeo Safety Tunes

57

Os alumnos do Instituto Frei Martín Sarmiento son os primeiros en participar nos obradoiros do Safety Tunes que se puxeron en marcha esta mañá na cidade da man da consultora experta en mobilidade xuvenil e infantil, GEA21.

Da man da directora do proxecto, Marta Román, Pontevedra é a primeira cidade de España na que se pón en marcha estes obradoiros creativos nos que os alumnos van elaborar eles mesmos as súas propias campañas -xa que os mozos a esas idades atenden máis aos seus iguais, que aos adultos-, para traballar temas de seguranza viaria.

En España o proxecto está sendo desenvolvido polo Grupo de Estudios y Alternativas S.L. Gea21, que realizará 20 obradoiros en todo o territorio con mozos de Formación Profesional para realizar vídeos, tweets, “memes” e outras manifestacións creativas, e empregar as redes para difundir as mensaxes. Está previsto chegar a uns 400 alumnos directamente e a un grupo máis amplo, indirectamente. Para incentivar a participación farase un concurso e as realizacións gañadoras difundiranse a través da DXT.

As cidades escollidas en España son Pontevedra, Madrid e Sevilla.

En Pontevedra formarán parte deste proxecto alumnos do FP Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira e Luís Seoane, nos seguintes horarios:

      • Luns 11:
        • Frey Martín Sarmiento de 12 a 14 horas e de 16 a 18 horas
      • Martes 12
        • Frey Martin Sarmiento de 8:30 a 12:30 h
        • Xunqueira de 16:00 a 20:00
      • Mércores 13
        • Luís Seoane de 9:00 a 13:00 horas.

4.000 mozos falecidos en Europa

Safety Tunes é un proxecto europeo no que participan oito países: Austria, Bélxica, República Checa, Hungría, Polonia, Eslovenia, Holanda e España. Quere implicar emocionalmente aos mozos para que entendan a seguranza viaria como unha aposta pola vida que require responsabilidade no comportamento ao volante. O resultado principal do proxecto é a reducción de vítimas de tráfico pola diminución de accidentes entre os mozos.

O punto de partida de Safety Tunes son os 4.000 mozos de idades comprendidas entre 15 e 24 anos que morreron en accidentes de tráfico en 2014. Esta é a razón pola que Safety Tunes se centra nos mozos como usuarios das estradas, tanto como ciclistas ou como condutores de ciclomotores, motos ou coches.

Safety Tunes promove accións innovadoras en seguranza viaria dirixidas ás novas xeracións de condutores; abre novos camiños para espertar o interese e xerar responsabilidade fronte ao volante. O proxecto desenvolve unha metodoloxía innovadora que inclúe accións artísticas, educación entre iguais, emocións e redes sociais.