A mobilidade no centro urbano vivirá unha revolución este ano

71

Mellorar a mobilidade peonil, garantir a súa seguridade e facilitar o acceso do tráfico de necesidade pero non o de paso. É a filosofía que hai detrás da reordenación da mobilidade do centro urbano na que está a traballar o Concello. O concelleiro Luís Bará informou á Comisión de Mobilidade e Obras que preside dos proxectos inmediatos e a medio prazo neste eido.

Dun xeito prioritario abordarse, dándolle continuidade á nova praza do Hospital, á reforma das rúas Benito Corbal (no tramo que vai de Cobián Areal a Blanco Porto),  Cruz Gallastegui, Castelao e Daniel de la Sota. A proposta que está enriba da mesa é de poñer unha plataforma única, de coexistencia peonil e de tráfico restrinxido e unha reordenación da circulación na que se inscriben os cambios no tráfico de Barcelos e contorna.

Esta actuación leva consigo a redución do aparcamento libre e a restrición do estacionamento a servizos, motos, prazas para discapacitados e taxis.

“Isto e unha demanda da veciñanza e o comercio da zona dende hai tempo” lembra Luís Bará quen engade que ademais estanse a barallar distintas ideas, cuxa concreción está pendente dos estudos en marcha, como a recuperación do xiro a esquerda na rúa Peregrina, o cambio de sentido na rúa Rouco o a inversión do sentido da circulación nun tramo da rúa Joaquín Costa (dende Uxío Novoneira para acceder a Sagasta), a redución do parterre da rúa Daniel de la Sota ou a reforma e mellora do cruce desta rúa con Peregrina e Andrés Muruais.

Tamén as rúas Javier Puig e José Millán mudarán o seu aspecto con plataformas únicas e un tratamento similar a Blanco Porto.

As previsións da Concellería de Mobilidade e Obras e que todas estas actuacións que levan a reordenación dos tráficos no centro da cidade se fagan neste ano 2016. Se traballa con este horizonte.

BARCELOS

Avaliar a nova mobilidade derivada da reforma da praza de Barcelos e recoller suxestións para mellorala se é preciso. Con este dobre obxectivo o concelleiro de Mobilidade e Obras, Luís Bará, convocará aos comerciantes e residentes da zona antes de que remate o mes.

As primeiros datos recollidos polo Concello e as primeiras impresións comunicadas pola comunidade educativa do CEIP Barcelos son positivas o que xa está a avalar a oportunidade da reforma deste espazo público a a reordenación da mobilidade da contorna.

Agora será a quenda para que a veciñanza e os comerciantes e hostaleiros da praza expoñan a súa opinión e alerten das disfuncións que eles podan ter detectado.