Aparece un túnel na rúa Andrés Muruais que unía o Hospital dos pobres coa casa da familia Poza

97

As obras de saneamento que se realizan na rúa Andrés Muruais deixaron ao descuberto esta semana unha singular construción baixo a rúa: un pasadizo construído a bastante profundidade á altura dos números 7 e 8 da rúa, ou o que é o mesmo, ás portas do que foi o antigo hospital de pobres da familia Poza e a súa vivenda particular que se atopaba xusto enfronte.

Trátase dun túnel de dous metros de alto por dous metros de ancho, aproximadamente, segundo explicaron os obreiros da empresa Viaqua que executa os traballos de saneamento na rúa. Aínda que non existe demasiada documentación oficial sobre este feito, si consta no Concello que o bisavó da familia, aló polo ano 1926 solicitara unha autorización para a construción dunha pasarela voada sobre a rúa para unir o hospital coa súa vivenda. Esta autorización foi denegada polo Concello. E até aquí os datos oficiais.

Na memoria colectiva existía a idea de que había un túnel baixo a terra que unía ambos edificios, pero non foi até estes días que se achou. É un espazo de lousa e que na actualidade está cheo de lodos e restos, polo que é impracticable. Segundo información que o Concello recolleu información na familia, achegados e veciños sobre os anos 70 decidiuse tapiar as dúas portas do túnel porque emanaba malos cheiros.

Este achado está vinculado ás obras de saneamento e de instalación da rede separativa que executa a empresa Viaqua na rúa e no marco das melloras do contrato da empresa co Concello de Pontevedra. As obras comezaron despois da campaña de Nadal, logo de atender as demandas dos veciños da rúa para evitar que interferiran nas compras de Nadal.

Aínda que tiña un prazo de execución de dous meses, a obra viuse afectada por distintos contratempos, o máis importante o achado do túnel chego de lodos de auga que afectaba a algúns garaxes lindeiro. Pero tamén se achou rocha no primeiro tramo da rúa -dende a praza de Galiza até García Camba-, mentres que a segunda parte do terreo era moi areoso o que ocasionou que se derramara o terreo cada vez que se traballa nel.

As canalizacións do saneamento da rúa estaban en moi mal estado, e a rede de pluviais era inexistente. Os traballos tamén foron moi complexos debido ao alto número de servizos que pasan pola rúa: luz, agua, gas, telefónica, Vodafon, e até a condución do telégrafo que pasaba pola rúa cara a praza de Galicia.

O concelleiro delegado do Ciclo da Auga, Raimundo González Carballo, que esta mañá deu conta dos avatares que sufriu a obra, asegurou que os traballos poderán rematar nun prazo de sete días, aproximadamente, e tan só quedaría o asfaltado e pintado da sinalización horizontal e colocación da vertical, unha vez que acompañe o tempo.