Correlingua encherá as rúas con máis de 1.000 rapaces o próximo 2 de maio

54

Pontevedra estreará este ano as carreiras do Correlingua cunha cita o vindeiro 2 de maio. A carreira pola lingua que este ano ten por lema “O galego está en nós” está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, AS-PG e CIG Ensino, e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, entre outras administracións.

Participarán 1.097 rapaces de centros de ensino do concello e da comarca. Son os seguintes:

      • CEIP San Martiño: 90
      • CEIP Santo André de Xeve 16
      • CEIP Manuel Vidal Portela: 84
      • CEP Campolongo: 271
      • CEIP Parada Campañó: 57
      • CEP Marcos da Portela: 111
      • CEIP Príncipe Felipe: 126
      • CEE Príncipe Felipe: 32
      • CPI do Toural: 187
      • CEIP de Meaño: 48
      • IES Ponte Caldelas: 75

O desenvolvemento do Correlingua será o seguinte:

    • Desde as 10.30 h ata as 10.45 h: chegada dos participantes á praza da Ferrería con animación de Art Monium (músicos e dragón cuspe-auga).
    • Ás 10.45 h: saída das carreiras desde a praza da Ferraría. Haberá dous percorridos: un longo para o alumnado de primaria e secundaria, e outro máis curto para o alumnado de educación infantil.

O percorrido curto (para infantil): praza da Ferraría, rúa San Román, rúa Sarmiento, praza de Méndez Núñez, rúa Isabel II, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas e praza da Ferraría.

O percorrido longo (para primaria, ESO e bacharelato): saída da praza da Ferraría, rúa San Román, rúa Padre Sarmiento, rúa Gregorio Fernández, praza da Pedreira, rúa Serra, rúa San Xulián, praza de Méndez Nuñez, rúa de Don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa Real, rúa da Ponte, rúa San Nicolás, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas e praza da Ferraría.

    • Ás 11.15 h: chegada dos participantes á praza da Ferraría, onde se desenvolverán unha serie de actos ao remate da carreira. Actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua: Liviao de Marrao!
    • Ás 13.00 h: remata o acto. Os centros volverán para coller os autobuses nos puntos anteriormente indicados

Este ano Talía Teatro presentará as diferentes festas finais do Correlingua. Proxecto con máis de 25 anos de traxectoria teatral, e máis de 36 montaxes feitas, Talía Teatro é unha das compañías máis recoñecidas en Galiza pola calidade da súa produción e a capacidade para introducir no panorama da dramaturxia un proxecto netamente galego, no que a cultura e características do noso pobo son un elemento central.

No cartel aparecen Ledicia Costas, Sés, Uxía e tamén Sergio, Federico, Sara, Xabi, Inés, Lucas…

O Museo de Pontevedra acolleu esta mañá a entrega dos premios do Correlingua deste ano, un acto no que estivo presente o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Os gañadores foron:

    • Manifesto: a proposta do alumnado de portugués de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo conseguiu a mellor valoración entre os membros do xurado do Correlingua e gozarán de dous días na zona de Pontedeume. Neles, as persoas do Albergue Alvarella terán organizadas múltiples actividades de lecer.
    • Vídeo: o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o IES de Elviña (A Coruña) gañaron unha estancia de dous días en Pontedeume, organizada conxuntamente co Albergue Alvarella, na que as actividades ao aire libre serán o punto forte da proposta.
    • Banda deseñada: os alumnos/as do CPI de Pontecesures visitarná o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e asistirá á estrea de “Os soños na gaiola” representada por Títeres Alakrán.
    • Cantalingua. Os grupos gañadores do Cantalingua van estar nas diferentes festas finais que do 2 ao 16 de maio amenizarán as prazas de vilas e cidades a favor do galego! Logo de que o alumnado do EIS de Elviña e do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo fixera de xurado e dese a súa opinión con respecto ás diferentes opcións presentadas, temos que dicir que os gañadores son: en primeiro posto, Zënzar!; en segundo, Liviao de Marrao! (que estarán no Correlingua de Pontevedra o 2 de maio) e en terceiro, Pito de Pikasso!

O resto das carreiras do Correlingua son:

    • Martes 3, A Coruña
    • Mércores 4, Ourense
    • Xoves 5, Burela
    • Venres 6, Vigo
    • Luns 9, Monforte de Lemos
    • Martes 10, Ferrol
    • Mércores 11, Lugo
    • Xoves 12, A Estrada e Cangas do Morrazo
    • Venres 13, Santiago de Compostela
    • Luns 16, Ponteareas