Pontevedra ten un puntazo medra, xa somos máis de 60 empresas

74

Pontevedra segue a demostrar o seu potencial creativo, cultural e innovador. Máis de 60 empresas do sector forman parte do programa Pontevedra ten un Puntazo o que supón un incremento de máis do 50% con respecto ao mes de febreiro, o que ven a refrendar a máxima que rexe o desenvolvemento desta iniciativa promovida polas concellerías de Promoción da Cidade e de Cultura: aproveitar tanto potencial, reforzar e pór en valor todo este tecido económico e comercial.
O perfil dos participantes deste proxecto é variado; habendo tanto empresas cunha traxectoria moi consolidada como empresas de nova creación; ademais son moitos os sectores empresariais representados que van dende editoras, produtoras musicais e de eventos, axencias de publicidade e comunicación, empresas de xestión cultural, coaching ou deseño de produto.
A posibilidade de traballo en equipo está comezando a dar resultados como a creación de proxectos conxuntos entre empresas do Puntazo tanto para institucións públicas como privadas; sendo xa varias as alianzas empresarias que teñen xurdido no abeiro deste proxecto.
Co fin de fomentar o coñecemento entre as empresas do foro e das actividades que desenvolven, así como para promover o traballo en conxunto, acábase de crear unha comunidade virtual de Pontevedra ten un Puntazo a través da plataforma Yammer. O obxectivo é crear un canal de comunicación propio da rede que permita estar conectados a tódolos participantes a golpe dun clic. Neste momento estase a traballar na definición dos obxectivos do programa, así como nun plan de comunicación e dinamización conxunto.

Futuras accións

Pontevedra ten un Puntazo xa ten preparado un calendario de actividades para os vindeiros meses. A primeira delas é a presentación da Asociación Socioeducativa, Cultural e Escola de Tempo Libre Paspallás, que terá lugar o vindeiro xoves 28 de abril ás 20.30 horas na Casa da Luz.

En xuño será a quenda de Fruto DS, empresa adicada ao mundo do deseño de produto, e Evolutia, proxecto da coach Raquel Pedrouso. O obxectivo destas presentacións é axudar a que estas empresas do sector creativo e cultural aumenten a súa visibilidade. O calendario de presentacións está pechado para todo 2016, o que ven a por de manifesto o interese das empresas por achegar o seu traballo á cidadanía pontevedresa.

A formación é outro dos piares fundamentais do programa polo que neste mes de maio se pechará o calendario de accións formativas que se desenvolverán para dar resposta ás necesidades plantexadas polas propias empresas que conforman Pontevedra ten un Puntazo.

Tódalas aquelas empresas que queiran entrar a formar parte do programa ou precisen información sobre o mesmo poden dirixirse ao enderezo pontevedratenunpuntazo@pontevedra.eu