Galegote Rock, música feita en galego e en directo

44

Dar a a coñecer intérpretes e grupos de música de distintos estilos e achegar ao público unha ampla oferta de música de calidade, feita en galego e en directo, tanto en locais pechados como en prazas, rúas e xardíns. Con este obxectivo chega unha nova edición do Galegote Rock, un programa de música en directo promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e por Pontevedra ao Vivo.

Este ano o Galegote incorpora varias novidades: sesións infantís na praza da Pedreira, que ofrecerán xogos e espectáculos para toda a familia o sábado 14 pola mañá e pola tarde e o seu achegamento ao programa Sétima Feira, a través da actuación de Davide Salvado o sábado ás 13 horas no mercado de abastos.

Dezaoito concertos de distintos estilos comezan o xoves 12, co pontevedrés Querido Extraño e o ferrolán Roger de Flor e venres 13 de maio con Santos Morcegos e Camarada Nimoy; ambos os dous días en sesión de noite.

O sábado 14 concéntrase a programación forte do festival. A partir das 11 da mañá, ata a noite, poderase escoitar música en galego de distintos ritmos e estilos; desde a música de raíz de Davide Salvado ata o rock de Sokram, Champurrada, Familia Caamagno, Poetarras, Tanto nos Ten, o Xabarín de Bora, O Cadelo Lunático ou o ritmo de Alley Stompers e o baile swing de Lindy Hop.

A entrada a todos os concertos é de balde; no caso dos concertos celebrados en locais pechados a entrada limitarase á capacidade dos locais.

Pódese consultar máis información nas redes do Galegote Rock: no FB galegoterock e no twitter @galegoterock

flyer_Galegote_2016 1