Retómanse os asfaltados coa mellora da praza de Europa e a avenida de Bos Aires

31

Aproveitando o bo tempo, o Concello iniciou esta semana pavimentacións en distintos puntos da cidade para completar actuacións que se están a desenvolver nos barrios da cidade. Hoxe estase a pavimentar a contorna da igrexa de Monte Porreiro onde xa se realizaron traballos de mellora da accesibilidade, recollida de augas pluviais, adaptación das prazas de estacionamento para discapacitados, traballos de xardinería coa resposición de árbores, entre outras obras.

Onte se pavimentou a avenida de Bos Aires, dende a Ponte das Correntes, no carril máis próximo ao río.

Estes traballos veñen a completar os xa iniciados nas sendas peonís do parque das Camelias -no barrio da Parda, ao carón da rúa Gaiteiro Ricardo Portela- que tiñan un orzamento de 19.605,29 euros. E nos vindeiros días comezarán distintas pavimentacións no ámbito de Xofre de Tenorio, porque o firme xa esgotou a súa vida útil. Cun orzamento de 49.897,66 euros está prevista a pavimentación da rúa do Ouro, Xan Guillermo, Campo do Boi, Cornelis de Holanda e Pilar Bértola.

Mentres continúase traballando na senda do Lérez, onde o Concello está a ampliar a zona de tránsito peonil e ciclista até a pasarela de madeira da avenida de Bos Aires na que arranca a senda do Lérez. Estes traballos enmárcanse dentro da mellora que se realizou nestes últimos meses no paseo do río até a praia fluvial.

Aproveitando os sobrantes próximos á ponte de Monte Porreiro, estase a continuar a senda peonil e ciclista, ampliando a beirarrúa até chegar á pasarela de madeira. Esta está na actualidade pechada ao tránsito peonil porque se atopa afundida e en mal estado, pero está prevista a súa reposición con estes traballos.

O orzamento desta actuación é de 40.986,40 euros, dos cales 7.875 son de reparación da pasarela de madeira.