Máis de 1.100 alegacións en contra de modificar a ordenanza de circulación

46

O Concello de Pontevedra atópase en pleno proceso de valoración das alegacións presentadas contra a modificación da ordenanza de circulación aprobada pola maioría dos grupos PP, PSOE, Marea e Ciudadanos en febreiro na que se acordaba adaptar os pasos sobreelevados do municipio á normativa de Fomento, tanto os xa instalados como os futuros. O Rexistro Xeral Municipal recibiu 1.110 alegacións en prazo contra a modificación desta ordenanza proposta polos grupos municipais da oposición, con distintas consideracións.

Das alegacións, 1.101 foron presentadas pola Federación de Veciños Castelao, sete de distintos particulares, unha foi do recoñecido arquitecto e pai da reforma urbana de Pontevedra, Jesús Fole, e unha última do deputado provincial responsábel de Infraestruturas, Uxío Benítez.

A Secretaría do Pleno solicitará os informes pertinentes aos servizos que deban ter coñecemento desta resolución e tamén emitirá o seu propio informe para decidir, definitivamente, sobre a aplicación ou non desta modificación.

Cabe lembrar que desde que se coñeceu a aprobación inicial da modificación da ordenanza de circulación, foron varias as parroquias que dirixiron escritos ao Concello ben con posicionamentos contrarios á modificación ou ben solicitando a instalación de lombos en distintos puntos das súas parroquias: Alba, Cerponzóns, Lérez ou Salcedo, entre outros. Para o Goberno Local, estas peticións reforzan a súa idea da necesidade de manter e seguir instalando estes reductores de velocidade alí onde sexa preciso como “salvavidas”.

Ademais, dende o Goberno Local deféndese que a aplicación da ordenanza suporá unha desfeita económica e administrativa porque trasladará os criterios de construción de Fomento ás vías urbanas.

Esta translación implicará situacións contraproducentes como:

    • A distancia entre redutores ten que pasar de 50 metros a 200 metros
    • Tampouco se poderán poñer nos primeiros 50 metros da rúa
    • Nin en rúas de menos de 200 metros
    • Nin en rúas con pendentes superiores ao 5%
    • Só se poderán pór en rúas con máis de dous carrís de circulación
    • Os redutores da nova norma terán unha meseta de 4 metros (cando no modelo de Pontevedra algúns teñen máis a petición dos autobuses)
    • A pendente da rampla de entrada e saída do paso sobreelevado terá que ser dun 10%, cando na actualidade os técnicos municipais as proxectan dun 6%.

Ademais o Goberno Local defende que a tramitación da modificación da ordenanza de circulación foi moi deficiente. Foi aprobada por urxencia -cando na Deputación provincial que ten unha regulación para este tipo de redutores de velocidade, a tramitación durou dous anos-, tendo informes en contra e sen dispor un estudo económico das implicacións que tería a aplicación da nova modificación.

O Goberno continúa apostando pola anulación desta modificación ou, alternativamente, que non se proceda á súa aprobación definitiva.