Remata a obra dos Campos que supón unha transformación radical do barrio

34

A obra de urbanización da rúa dos Campos, entre Monte Porreiro e Mourente, está practicamente rematada a falta de pequenos detalles como o pintado final da sinalización horizontal, a instalación de mobiliario urbano ou rematar o axardinamento.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá os traballos acompañado dos concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña e un grupo de veciños do lugar que comprobaron a importante transformación que supuxo este proxecto para toda a zona, pola que transitan cada día arredor de 19.000 vehículos, polo que era urxente adoptar medidas de seguranza viaria e calmado de tráfico en todo este ámbito.

O alcalde recoñeceu ante os veciños que a actuación nos Campos “era unha espiña que tiñamos cravada”.

Percorreron a rúa polas novas beirarrúas vendo os traballos de seguranza viaria e calmado de tráfico, e tomando nota dos detalles que están pendentes de acabar: a instalación de mobiliario urbano como unha marquesiña ou rematar o pintado da sinalización horizontal.

Luís Bará, concelleiro responsábel desta mellora, explicou esta mañá que esta actuación completarase con próximas intervencións que mellorarán substancialmente a calidade de vida dos veciños dos Campos, como a rehabilitación da vella escola unitaria (o edificio de pedra) para transformalo en Local social, xa que na zona existe a Asociación de veciños O Carballo, que é moi activa. Tamén se mellorará o axardinado da rotonda unha vez que Fenosa complete a baixada da liña de media tensión que pasa pola zona e retire todos os postes; se complete a actuación da Alameda da Vella Coxa por onde se habilitou unha senda peonil para dar seguridade a os peóns na zona; ou traballos complementarios na parcela da vella escola dos Campos.

A obra tivo un custe duns 200.000 euros e poderá estar totalmente operativa nuns días.