Discurso do alcalde na entrega dos Pontevedreses 2015

17
Excmo presidente da Xunta de Galicia
Dona Blanca Gracía Montenegro
Señoras e señores premiados
Queridos membros do Xurado
Amigas e amigos

Os premios Pontevedreses chegan de novo a encher de luz a primavera desta cidade que tan orgullosa se sinte de si mesma e tanto quere aos seus fillos máis esgrevios.

E chegan para axudarnos a facer este percorrido anual polas máis sobranceiras personalidades ou entidades que resultaron recoñecidas con este merecido galardón.

Estes premios, estes premiados, permítennos identificarnos mellor coas enerxías máis vivas da cidade, entendándoa máis aló dos límites urbanos e municipais. Pontevedra é un concepto integrador no que collen todos os que queiran compartir a noso presente, sexan quen sexan e vivan onde vivan.

Os Premios Pontevedreses son un exercizo de orgullo colectivo, dese que nos move a transformar a realidade para vivir nunha cidade mellor, nunha Galiza máis segura de sí mesma e nun mundo no que podérmonos sentir máis felices.

Pontevedra renova así a súa vocación de sermos cada vez mellores. Tras convertírmonos nun espazo urbano de referencia internacional, estamos iniciando un novo compromiso co Planeta e a xestión sustentábel a través dun novo xeito de tratar os residuos, e non cansaremos nunca de loitar por un territorio ambiental limpo, ordenado e sen anacronismos.

Comezando polo Premio de Honra, quero felicitar a todos e cada un dos que hoxe reciben a nosa loubanza. Porque don Diego Murillo labrou durante toda a súa vida profesional en Pontevedra numerosos motivos para ser o Pontevedrés máis destacado do ano. Polo seu traballo como médico e como político, aínda que con evidentes distancias ideolóxicas, comparto con él a súa visión do servizo público como un xeito de entregar aos demáis o mellor de nós mesmos.

Da catedrática Ángeles Parrilla subliño a súa aposta integradora de todas e todos na educación, un punto de partida desde o que actuar en calquera campo para conseguir persoas máis conscientes e en definitiva máis felices.

Poucas personalidades plásticas acadaron a visibilidade e prestixio que ten Manuel Moldes, un dos principales valores artísticos da nosa cidade e da Galiza contemporánea. Unha obra coa que todos dalgún xeito nos identificamos, pois sabe captar moita da nosa esencia territorial e paisaxística.

Pablo Hinojar representa igualmente o mellor do deporte pontevedrés que triunfa tamén fóra da cidade. Como seleccionador español de ximnasia acrobática está a crear unha interesante escola de deportistas que colleitan importantes galardóns, e promoven os grandes valores do deporte ao longo do mundo.

Á Fundación Galega contra o Narcotráfico todos debemos agradecerlle que manteñan viva e constante o rexeitamento público da cidadanía ante o gravísimo problema de saúde pública que representa o tráfico ilexítimo de substancias estupefacientes.

E, por último, Setga, é un exemplo de como confiando nos nosos recursos, aplicando a nosa creatividade e destacando con calidade e deseño nun contexto hiper competitivo, tamén podemos facer valer os nosos produtos dentro e fóra do país. Un soño ao que moitos aínda non renunciamos e que deberíamos tomar de exemplo para xenerar riqueza noutros moitos sectores importantes para o país.

Grazas a todos e todas polas vosas aportacións, que sen dúbida nos convirten en mellores cidadáns e a Pontevedra nun lugar no que paga a pena vivir, tan ben arrodeado de todas estas empresas e persoas, que como o propio Diario de Pontevedra apostan cada día por potenciar os nosos valores e crear vencellos para sermos cada vez mellores.

Moitas grazas