Novo alumeado e posta a punto da Xunqueira de Alba

35

A Xunqueira de Alba luce novo alumeado e unha posta a punto que mellora dun xeito substancial a zona, cada vez máis transitada por xente a pé ou en bicicleta que elixe este espazo natural de interese local (ENIL) para pasear, facer deporte ou como punto de encontro de lecer.

O Concello investiu 50.000 euros no novo alumeado obrigado non só polo uso se non pola sucesión de roubos de cable, luminarias e faroles asociados a danos na obra civil ademais de seguer cos coidados habituais que desenvolve o departamento de Parques e Xardíns.

Está prevista a realización de traballos adicionais de mantemento nas próximas semanas: unha limpeza interior da marisma e a eliminación de especies invasoras.

Ponte da Gándara

A mellora desta xunqueira seguerá co arranxo da ponte da Gándara sobre o río Rons. As obras, a cargo da Deputación, comezarán o próximo luns, 9 de maio. A reparación consistirá na instalación dun novo taboleiro e a creación dun paso peonil independente, complementado con medidas de calmado do tráfico, mellora da accesibilidade e rehabilitación do sendeiro que comunica este espazo coa estrada de Vilagarcía.

Esta actuación é froito do convenio de colaboración subscrito entre Concello e Deputación hai un ano polo que o Concello redactou o proxecto e a institución provincial fíxose cargo da licitación e financiamento da obra debido a que se trata dunha localización de dubidosa titularidade entre os concellos de Pontevedra e Poio.

Os traballos, adxudicados a empresa Narom, teñen un prezo de licitación de 101.726 euros. O prazo de execución é de seis meses, durante os que nalgúns momentos será preciso cortar o tráfico na zona.

Aproveitaranse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, e renovarase totalmente a lousa superior, pero sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permite unicamente a circulación dun vehículo.

Crearase un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construirase augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) e terá unha estrutura metálica que soportará un pavimento e unha varanda de madeira tratada.

Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos de peóns sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira.