Novas hortas urbanas no Gorgullón e novo ciclo na Finca do Conde

85

O Gorgullón contará con novas hortas urbanas xestionadas pola Federación de asociacións de veciños Castelao e pola Asociación Down Pontevedra “Xuntos”. Os concelleiros Carmen Fouces e Luís Bará visitaron hoxe as parcelas onde estarán as futuras hortas acompañados por representantes da federación e da asociación.

A parcela veciñal esta ao lado do muíño do Coto e ocupa 700 metros cadrados. As previsións de Castelao cifran en 12-13 o número de hortas que se porán en marcha a poder ser antes de que remate o mes de maio. Non son as únicas hortas urbanas que xestiona a Federación veciñal na zona, xa que dende hai un ano están en funcionamento quince hortas á altura da rúa Moa.

Nos dous casos, ser veciño ou veciña da contorna é unha prioridades á hora de optar a unha adxudicación.

Por outra banda “Xuntos” desenvolverá tamén ao lado do muíño do Coto o proxecto Horta urbana Cooperativa. Neste caso trátase dunha finca privada cedida para este fin. O proxecto ten como finalidade promover a autonomía persoal das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual que asisten a “Xuntos”. Ademais a horta xerará espazos de encontro entre os colectivos que conforman a contorna comunitaria (maiores, menores, asociacións de veciños, etc), fomentando a creación de redes sociais e tecido comunitario baseado no traballo en equipo e a cooperación.mutua.

Para levar a cabo o proxecto Xuntos conta coa colaboración de varias empresas para adquisición dos materiais e infraestruturas necesarias para a posta en marcha da horta e do IES Montecelo, que fixo a doazón de dous depósitos de auga e deu formación básica de xardinería aos rapaces e rapazas que van a traballar na horta.

FINCA DO CONDE RETOMA A SÚA ACTIVIDADE

Finca do Conde ponse en marcha esta semana. Chegada a primavera, a Concellaría de Igualdade que xestiona esta finca urbana inicia toda a actividade para que volva ser un referente das hortas urbanas na cidade. Na actualidade a finca dispón de 37 espazos de cultivo, todos ocupados agás catro. Están adxudicados a usuarias do Centro de Información á muller -que tiveron prioridade- e, logo, a persoas que solicitaron unha parcela.

Non será até o mes de novembro en que a Concellaría de Igualdade volva a abrir o prazo de inscrición para readxudicar todas as parcelas, rematada a campaña de plantación.

Pero a partir de hoxe, 6 de maio, os usuarios e todas as persoas interesadas en participar na nova programación poderán inscribirse nelas. Será a partir das 20.00 horas na propia Finca do Conde.

Ao igual que na primeira edición, a Finca do Conde contará co apoio da empresa Feito, a única empresa do municipio constituída por usuarios de Servizos Sociais, para distintos labores. Foi a encargada do mantemento realizando tarefas como limpeza das parcelas, caleado dos muros, sinalización das hortas e instalación dun panel recordando as normas de uso; acondicionamento dunha caseta para o semilleiro protexido; asesoramento aos adxudicatarios das fincas; elaboración de planteis a partir das sementes; execución de acolchados ou mulchings que permite adiantar a recolección, reducir o consumo de auga, eludir o uso de herbicidas e potenciar a calidade da produción; creación de invernadoiros de construción caseira; cursos de temática diversa… entre outras actividades.

Feito volverá a encargarse do mantemento e xestión da Finca do Conde cun programa de actividades paralelo ao que poderán optar tanto os usuarios da finca como persoas de fóra, até completar as 20 prazas que oferta. Terán prioridade as usuarias do Centro de Información á Muller, veciñas da zona e, logo, o resto de veciñas.

As inscricións neste programa formativo comezarán a primeiros de maio e ten unha duración até finais de setembro. En todo este tempo está previsto ofrecer obradoiros como: Manter a horta san e en equilibrio, a salvo de pragas e enfermidade, obradoiro de compost e vermicompostaxe, aprender a recoller, seleccionar e conservar as semente;obradoiro de conservas, aromáticas na horta e obradoiro de xabón.

Tamén está previsto organizar dous concursos sobre “O mellor espantallo” e “O horto mellor coidado”; e exposicións dos produtos recollidos na horta, cata de alimentos e entrega de premios.