Prende no colo: cantigas, cantos de berce, xogos de dedos…

19

Vinte e cinco familias participarán este domingo 8 de maio no obradoiro Prende no Colo, dentro da programación do proxecto Apego. O obradoiro está dirixido a nais e pais con nenos e nenas de ata tres anos e comezará ás 12 da mañá na Casa da Luz.

Prende no colo está dirixido por Luís Prego, profesor de canto e baile tradicional e autor dos libros “Para cantar e bailar” e “Xogos musicais”. Durante unha hora os músicos Luís Prego e Samuel Soto achegarán cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para que as nais e os pais inicien os nenos e nenas de cero a tres anos no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos.

O obradoiro vai dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos e haberá dúas sesións independentes, dunha hora de duración, que se desenvolverán este domingo e o mércores 11 de maio de 18 a 19 horas, os dous na Casa da Luz.

Este obradoiro insírese dentro do programa Apego, que desenvolve a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. As actividades programadas diríxense ás familias que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro; todas elas son de balde, e é necesario inscribirse. O programa Apego quere acompañar ás familias na aventura da transmisión da nosa lingua como herdo aos seus fillos.

Apego busca recuperar o galego como lingua de relación dentro da familia, para que os nenos e as nenas medren na descuberta do mundo desde o galego a través do amor, o arraigo e a identidade. O programa busca reforzar nos nenos a identidade coa familia e coas súas raíces a través do riquísimo patrimonio que atesoura a lingua galega.

Outras actividades programadas dentro do Apego:

Encontros familiares creativos: educar fillos e fillas felices, charla-obradoiro coa psicóloga Cristina Fariñas

A psicóloga Cristina Fariñas creará un espazo para que as familias con fillos/as de 0 a 6 anos compartan inquedanzas, dúbidas e ideas para resolver situacións habituais na crianza e ofrecerálles o seu asesoramento. O contido adaptarase ás necesidades e intereses dos grupos que se formen para cada unha das sesións. O venres 20 de maio de 17.30 a 19 horas, na Casa da Luz.

Os/as nenos/as e a lingua: unha oportunidade, charla con Manuel Núñez Singala

O escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá nesta charla as claves para analizar, dun xeito ameno e positivo, a importancia de medrar en contacto co galego: que vantaxes ten medrar en galego? paga a pena esforzarmos para falarlles galego aos nosos fillos/as? A actividade está dirixida a familias con fillos/as de 0 a 6 anos e desenvolverase nunha única sesión o martes 24 de maio, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz.

Manuel Núñez Singala ten publicados libros como En galego, por que non?, Comedia bífida e Instrucións para tomar café.

Palma, Repalma, obradoiro con Pavís Pavós

Este obradoiro de contos, cantos e arrolos para familias con bebés de 0 a 4 anos, está pensado para que os pais e as nais aprendan recursos que cos que despois poidan xogar na casa. Haberá unha única sesión o xoves 26 de maio, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz.

Toda a nformación no web www.apego.gal e no SNL do Concello