Dous parques infantís unidos por unha senda peonil en Tomeza

34

Tomeza reformulará os espazos de ocio infantil da parroquia. O concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, puxo sobre a mesa do Consello parroquial un novo proxecto para, por unha banda, reformar o actual parque de Casal do Río e, por outra, construír un novo espazo de xogos infantís no quinteiro da Casa da Cultura.

O primeiro dos parques, no que hai pistas deportivas, quedaría para o lecer dos rapaces e rapaces máis grandes e o segundo, de nova creación, estará deseñado con xogos para as nenas e nenos máis pequenos.

A proposta municipal complétase coa conexión dos dous parques infantís cunha senda peonil. Precisamente co fin de definir o itinerario da senda, os representantes veciñais reuniranse co concelleiro e os técnicos o próximo 18 de maio para percorrer o camiño. Arredor de 200 metros separan as dúas zonas de lecer.

A reformulación dos espazos de ocio infantil foi o tema central da reunión do Consello parroquial celebrada onte na que o concelleiro Demetrio Gómez tamén deu conta á veciñanza das actuacións previstas para este ano en Tomeza incluídas no Plan de obras do rural-2016: a reparación do camiño no lavadoiro de Lusquiños, drenaxes e regulación de rasantes no Camiño de Regapereira, a reparación de cunetas en Lusquiños e ordenamento do tráfico e o aparcamento no Adro de San Pedro.