Melloras en infraestruturas e zonas verdes en Ponte Sampaio

20

O concelleiro delegado da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González mantivo esta semana un encontro coa nova diretiva da Asociación de veciños Santa María para coñecer aos novos representantes veciñais, que nesta nova andaina están liderados por José Luís López Carragal, presidente da asociación.

No encontro valoraron positivamente a mellora da mobilidade e da accesibilidade que se fixo recentemente dende a ponte medieval até o colexio, coa instalación de medidas de calmado de tráfico, pintado e instalación de sinalización horizontal e vertical, reordenación de espazos e o pintado de novas prazas de estacionamento na explanada da Xunqueira, e unha senda urbana que une a Ponte co colexio para que os nenos poidan achegarse ao centro de ensino con seguridade.

Outro dos temas abordados foi a mellora da infraestrutura viaria en toda a parroquia, especialmente no núcleo da Ponte e nos lugares do Rañadoiro, Acevedo e Vilar. Solicitaron a instalación de medidas de calmado de tráfico tanto nestes núcleos como nas vías de comunicación internas que os conectan.

Tamén amosaron a súa preocupación polo estado da estrada a Vigo (dende Ponte medieval até Arcade), propiedade da Xunta e que se atopa en bastante mal estado de conservación.

Ademais acordaron introducir melloras na zona verde e no ámbito da praia da Xunqueira, para que estea acondicionada para recibir aos centos de usuarios que durante o verán empregan este arenal.

Tamén abordaron outras cuestións relativas á conservación do patrimonio e da memoria histórica.

O concelleiro da parroquia, Raimundo González comprometeuse a ir abordando estas peticións paulatinamente, atendendo de xeito prioritario ás máis urxentes.