Os parámetros de calidade urbana chegan á rúa Javier Puig

23

A Xunta de Goberno Local adxudicou a rehabilitación integral da rúa Javier Puig a empresa EC Casas por 334.556,23 euros, segundo informou o portavoz municipal Raimundo González Carballo ao remate da xunta. A firma pontevedresa asumirá o adecentamento dos cruzamentos das rúas Benito Corbal e Javier Puig e Javier Puig e San Antoniño, valoradas en 42.000 euros, como melloras do contrato.

As obras seguirán os parámetros de calidade do modelo urbano e priorizará os tráficos peonís sobre os rodados. O tratamento previsto na licitación é de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril do tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas que se farán en loseta de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo. Porén estase a valorar a substitución deste ordenamento por unha plataforma única.

A actuación inclúe xunto co tratamento en superficie unha ampla renovación dos servizos soterrados. Renovaranse a rede de abastecemento de auga, a rede de saneamento e a canalización de cabos do alumeado público. Neste último caso o deterioro da instalación xúntase ao feito de que a posición das novas luminarias no coincidira coa das preexistentes que están ancoradas nas fachadas.

A separativas de augas pluviais e fecais quedará completada en Javier Puig coas obras de reforma que comezarán nun prazo de mes ou mes e medio. Son poucos os tramos urbanos pendentes destas separativas, un traballo que está feito na práctica totalidade da rede de saneamento do casco urbano que suma arredor de 500 quilómetros. Quedan pendentes entre 3 e 4 quilómetros, sinala o portavoz do Goberno Local, Raimundo González, quen engade que representa o 0,6% do total.

32 empresas concorreran ao concurso das obras de rehabilitación integral da rúa Javier Puig, todas galegas e delas 14 con sede na provincia de Pontevedra e que saíra cun orzamento de licitación de 437.328,43 euros.