Máis de 3.600 rapac@s participaron nos obradoiros de Normalización Lingüística

18

Rematan os obradoiros que a Concellería de Normalización Lingüística ofreceu aos equipos de normalización dos centros de ensino a principios deste curso e que solicitaron quince centros educativos de primaria e secundaria do concello de Pontevedra. As actividades tiñan como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade, sector de vital importancia para garantir o futuro da lingua.

Desde xaneiro ata maio deste ano realizáronse sesenta e oito obradoiros: sete sesións de OPS! O Galego, a Nosa Vantaxe, dezasete de Galicia, País das Letras, vinte de Lingua Forza 3, e vinte e catro de Díxome, Díxome. En total participaron nos obradoiros 3.656 estudantes: 276 nos Ops!, 797 en Galicia, País das Letras, 966 nos Díxome, Díxome, 874 nos Lingua Forza 3 e 743 no xogo do Chiflo.

OPS! O Galego a Nosa Vantaxe (5o e 6o de primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos). Con esta proposta o alumnado aprendeu que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva. Os obxectivos fundamentais buscaron poñer en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos e amosando a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía.

Lingua Forza 3 (para todos os cursos de primaria). Para superar as distintas probas os rapaces e rapazas empregaron as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental. Os monitores e monitoras enfiaron todas as probas coa posta en escena e narración dramatizadas. O formato e a presentación da actividade foi común aos tres ciclos de primaria, aínda que variaron as probas, a dificultade e os contidos lingüísticos para adaptalas aos distintos niveis. Os obxectivos desta actividade foron dinamizar o uso da lingua galega na infancia a través do xogo e do traballo en equipo e asociar o uso da lingua galega a outras áreas do currículo, especialmente á educación física.

Galicia, País das Letras (de 4o a 6o de primaria e 1o e 2o de ESO). Esta actividade desenvolveuse como unha xincana con diferentes probas que buscaron achegar aos participantes a contidos culturais relacionados coa lingua, co patrimonio inmaterial e coa literatura galega dunha maneira participativa, lúdica e potenciando aspectos orais; sen esquecer nas probas a Manuel María, o autor homenaxeado nas Letras Galegas este ano. A través dunha posta en escena teatral os rapaces e as rapazas participaron en distintos retos que tiveron que superar de maneira rotatoria e cooperativa para dinamizar o uso da lingua galega a través do xogo e do traballo en equipo.

Díxome, Díxome (para todos os cursos de primaria). Este obradoiro centrouse no noso acervo literario de tradición oral. Co formato de xincana, as probas axudaron a descubrir o noso patrimonio e tradición oral: refráns, trabalinguas, romances e cantares de cego, cantigas e xogos lingüísticos. Os rapaces e rapazas tiveron que superar distintas probas de maneira cooperativa e rotatoria para chegar ao final. Os obxectivos principais foron: dinamizar o uso da lingua galega na infancia a través do xogo e do traballo en equipo e promover o xogo en galego, tanto os tradicionais coma os novos. Os contidos adaptáronse aos distintos cursos de primaria.

O xogo do Chiflo (de 2o a 6o de primaria). Este xogo buscou fomentar a atención dos participantes, a cooperación e a creatividade para aprender máis sobre a historia de Pontevedra e a nosa lingua. O Chiflo creou crebacabezas e guiou aos nenos e nenas nunha historia sobre os segredos, persoeiros e tradicións da nosa cidade. A través de xogos e probas atoparon as solucións para montar cada cara dun cubo de cartón, con imaxes, frases, monumentos e persoeiros de Pontevedra.