Mirando ao mundo dende Pontevedra

6

Nace como un espazo de reflexión e debate sobre temas de actualidade dos que temos un coñecemento superficial e que moitas veces non teñen cabida, ou teñen moi pouca ou puntual, e con vontade de continuidade. Nestes termos fala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Fouces, do ciclo de conferencias “Mirando o futuro” que será inaugurado o próximo martes, 24 de maio, coa conferencia-debate “Os refuxiados. Xeopolítica dunha crise”. A charla estará a cargo da profesora Nazanín Armanian, investigadora e docente da UNED.

A súa conferencia permitirá coñecer o contexto xeopolítico polo que transita o drama humanitario da persoas refuxiadas, a dinámica de conflitos como o de Siria e as súas consecuencias na configuración dos presumibles cambios que se anuncian dentro de Oriente Medio e colateralmente da contorna mediterránea.

“Mirando o futuro” é froito da colaboración do Concello de Pontevedra co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), que este ano cumpre o seu 25 aniversario. O seu responsábel, Xulio Ríos, subiña a importancia do ciclo que servirá para fomentar a reflexión e a discusión sobre diversas problemáticas e tendencias existentes na política internacional, dos conflitos e mecanismos de cooperación internacionais así como da confluencia de intereses dos actores tradicionais e doutros emerxentes dentro do sistema global.

Todas as charlas desenvolveranse na Casa da Luz, ás 20 horas. Até o final do ano están programadas as seguintes conferencias: “Chechenia e outros conflitos da periferia rusa”, impartida por Marta Ter Ferrer, da Liga dos Dereitos dos Pobos (setembro); “Curdistán. O país prohibido” a cargo de Leyla Zana, activista e feminista curda (outubro); e finalizará en novembro coa conferencia “Presente e futuro das esquerdas en América Latina”, ofrecida por Ignacio Ramonet, director da edición española de Le Monde Diplomatique (novembro)

A colaboración entre o IGADI e o Concello terá outra cita salientable este ano: o I Congreso de Estudos Internacionais de Galiza, no que colabora tamén a Universidade. O Encontro desenvolverase na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, os días 28 e 29 de xuño.

03_CARTEL_MIRANDO