O Sergas autoriza ao Concello a ampliar a praza até a fachada do Hospital Provincial

43

O Sergas remitiu ao Concello a autorización para poder actuar diante do Hospital Provincial e ampliar a actual praza cara a fachada do histórico edificio. O concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará explicou que estas obras serán froito das negociacións emprendidas co Sergas nestes meses o que amosa a boa sintonía entre ambas administracións neste proxecto.

Segundo explicou o concelleiro, a obra terá un custe de 59.000 euros e implica a reformulación do peche do Hospital, que se rebaixará até convertelo nun banco de pedra (con superficie de madeira). Luís Bará informou que este banco virá a suplir as necesidades de bancos na praza, que empezan a quedar escasos ante a gran afluencia de xente, especialmente polas tardes.

Tamén está previsto unha nova pavimentación con formigón barrido negro nas subidas á porta principal do Hospital así como reparar as escaleiras principais que presentan panos en mal estado. Serán substituídos por lousas de pedra. O propósito é unificar a praza coa fachada do Provincial.

Ademais, está previsto o traslado da caseta de transfusión de sangue ao estacionamento do Hospital situado ao carón das Urxencias. Manterase o quiosco de revistas e tamén toda a disposición da zona verde.