Comeza a mellora da seguranza viaria e da accesibilidade en Médico Ballina

35

O Concello iniciou esta mañá as obras de seguranza viaria e accesibilidade previstas na rúa Médico Ballina.

A actuación consiste na construción dun paso de peóns elevado á altura da plataforma do túnel do AVE ao seu paso por esta rúa. Ademais, mellorarase toda a accesibilidade ao ampliar a beirarrúa dereita (de saída da cidade) e eliminar todo o estacionamento en liña nese lado, e crealo noutro sentido da circulación.

As beirarrúas da marxe dereita son moi pequenas en moitos tramos e o Concello quere ampliar a beirarrúa diante da plataforma do AVE dado que está previsto instalar un parque infantil.

Coa creación de novas prazas de estacionamento na outra marxe tamén se pon fin a posibilidade de que furgonetas -e incluso camións- dean a volta nesa parte da rúa subíndose á beirarrúa. Neste punto, as beirarrúas si son moi amplas dado que os edificios están moi retranqueados, o que teñen aproveitado algúns condutores para dar a volta, no lugar de achegarse até a rotonda da estrada de Santiago.

Esta práctica xa fora denunciada polos veciños da zona, e o Concello confía en que se poña fin con esta medida.

A obra ten un custe de 59.065 euros e será executada por E.C.Casas.