Composteiros á volta do verán en Monte Porreiro e Campolongo

26

Os mestres composteiros de Pontevedra, divididos en tres equipos, traballan arreo na posta en marcha do novo sistema de recollida e tratamento de lixo en Monte Porreiro e Campolongo, os dous barrios que serán pioneiros nesta andaina, ademais da parroquia de Campañó e tamén no diseño das bases dun plan xeral de actuación en todo o concello.

Os sete mestres recolleron hoxe a identificación que os acredita como traballadores ao servizo do Concello de mans dos concelleiros de Infraestruturas e Medio Ambiente, César Mosquera e Carme da Silva. O primeiro subliñou a alta cualificación dos mestres composteiros o que lles permite ir máis alá e avanzar na definición dun plan xeral, mentres que a segunda puxo o énfase na boa receptividade da veciñanza. É o caso, por exemplo, dos veciños e veciñas de Campolongo que decidiron en asemblea dirixirse ao Concello para solicitar a implantación de composteiros comunitarios no barrio.

O éxito do novo sistema de tratamento do lixo vai ligado a colaboración cidadá xa que a correcta separación en orixe é esencial. “A coresponsabilidade social é fundamental” subliña Carme da Silva .

Á volta do verán os composteiros comunitarios poderán ser unha realidade en Monte Porreiro e Campolongo. As primeiras estimacións sitúan entre 20 e 30 as unidades necesaria para Monte Porreiro e algún menos en Campolongo.

Poboación (núcleos familiares, por idade,…), relación de produtores singulares (colexios, restaurantes..), tipo de lixo e cantidades, localización dos colectores, frecuencia da recollida… son parámetros que se terán en conta na posta a en marcha do sistema de tratamento de lixo e que condicionarán o modelo de planta de compostaxe final. Neste estudio técnico se están a combinar metodoloxía de recompilación e cruzamento de datos do século XXI cun traballo de campo, porta a porta.

“Non nos importa se a planta de compostaxe bota a andar no 2017 ou no 2018, o que ten que estar todo é ben atado” sinalou César Mosquera restando importancia ao feito de que no 2017 acabe o contrato de lixo vixente con Sogama. En calquera caso hai que renovalo.