O parque forestal de A Fracha, un pouco máis preto

54

Restauración e recuperación de zonas con plantación de especies forestais produtivas, recuperación dos leitos e marxes de regatos invadidos por acacias e eucaliptos (especies invasoras) e recuperación de solos arrasados pola erosión após da vaga de lumes do ano 2006 e, chegado o caso e a longo prazo, un posíbel incremento da área comunal coa compra a particulares de tomadas o cachadas encravadas no monte veciñal. Son os pasos previos definidos polo equipo redactor do anteproxecto de parque periurbano de A Fracha que abrirán a porta a creación dunha gran área natural produtiva e de lecer e atractiva turísticamente.

O futuro parque periurbano de A Fracha ocupará ao redor de 240 hectáreas e implica ás comunidades de montes de tres parroquias: Marcón, Tomeza e A Canicouva. O concelleiro responsábel do Rural, Demetrio Gómez, lembra que esta actuación é un compromiso do Goberno local para este mandato e procura un dobre obxectivo: “crear un parque forestal e ser un exemplo de política forestal de como facer un monte produtivo grazas a colaboración entre as comunidades de montes e as administracións públicas, neste caso o Concello”. O proxecto, engade o concelleiro, inclúe a produción forestal e os novos usos do monte (lecer, atracción turística…).

O fururo parque periurbano de A Fracha comeza a tomar forma. A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos coñeceu hoxe o anteproxecto redactado pola empresa Lagares Oca. Conta con dúas fases: una primeira de tres anos na que se acometerían os traballos previos de restauración e recuperación forestal da zona e unha segunda de mantemento e desenvolvemento de investimentos turísticos. Estes investimentos chegarían da man da iniciativa privada (aluguer de bices, teleférico…).

Os redactores sitúan o investimento para a posta en marcha do parque en 600.000 euros para os tres anos. O programa de mantemento tería un orzamento de 60.000 euros anuais.

O desenvolvemento dos traballos da primeira fase simultanearíase co uso para o lecer deste espazo natural. O primeiro de todo sería definir tres “áreas estanciais” áreas para recibir ás persoas que se achegan ao parque -unha por parroquia- e onde se sinalizarán os roteiros e a seguir. Trátase de sendas existentes que hai que pór a punto: tres que coinciden con pistas e que poden ser transitadas por xente a pé ou por ciclistas e unha máis estreita para camiñar, con certa dificultade e que chega á regatos e zonas con maior valor ecolóxico.

O anteproxecto de parque periférico da Fracha conta con suxestións dos comuneiros das tres parroquias que acolleron con interese dende o primeiro momento a proposta. Houbo reunións coas tres comunidades de montes, xuntas e por separado e ademais o concelleiro do Rural e os técnicos redactores do proxecto percorreron a zona para ter un coñecemento ao detalle do terreo no que se ten previsto traballar.