A prevención de Condutas Adictivas, unha loita continua

35

Rematada o programa escolar de prevención de condutas adictivas deste curso, a Concellería de Benestar Social Municipal porá en marcha nas próximas semanas un programa de accións de verán que abrirá as portas a outros colectivos. Mentres que, por outra banda, traballa no procesado dos datos da enquisa sobre o uso das novas tecnoloxías feita nos centros educativos.

As accións de verán programadas polo departamento municipal de Prevención de Condutas Adictivas son as seguintes:

Concurso de fotografía e vídeo. Dirixido aos estudantes universitarios. Quérese aproveitar a creatividade dun campus como o pontevedrés para que capturen imaxes e fagan propostas (videoclips) que poidan servir para desenvolver unha campaña de prevención. Repartiranse 2.000 euros en premios.

Curso para formar mediadores xuvenís. Dar ferramentas e cualificar a xente nova que traballe ou conviva con adolescentes co fin de que saiban detectar e intervir fronte a rapaces con condutas adictivas ou en risco de caer nelas.

Escolas de familias. Neste caso dirixidas a nais atendidas nos servizos sociais do Concello.

Obradoiro de música en colaboración co Secretariado Xitano. Dirixido a adolescentes de etnia xitana. Utilizarase a música como elemento de cohesión, para fomentar a autoestima.

A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, e a responsábel do programa de Prevención de Condutas Adictivas, Patricia González, fixeron un balance das actividades desenvolvidas nos centros educativos e amosaron a súa preocupación polo uso abusivo que fan os rapaces e rapazas dos móbiles e novas tecnoloxías. Neste senso explicaron que están rematando a recollida de datos e comezarán a procesar a enquisa sobre os uso das novas tecnoloxías realizada entre os escolares que participaron nos obradoiros de prevención. Os resultados e conclusións saberanse á volta de verán e serán determinantes para definir intervencións ad hoc se fose preciso.

Neste curso foron máis de 3.000 os alumnos e alumnas, de 1º a 4º da ESO que participaron nos obradoiros de prevención de Condutas Adictivas. Ademais 150 nais e pais participaron nas escolas de familia e máis de 5.000 estudantes asistiron a sesións informativas e actividades de debate vencelladas a prevención.

Os datos cos que conta a Concellería de Benestar Social recollen unha baixada continuada no consumo do tabaco, unha baixada aínda que cun lixeiro repunte nos últimos tempos no consumo de alcohol e un aumento preocupante no consumo de cannabis.