Veciñanza de A Eiriña e Concello, preocupados polo estado do antigo cuartel da Garda Civil

30

Os veciños e veciñas do barrio de A Eiriña recolleron 828 sinaturas para amosar a súa preocupación polo estado de abandono, inseguridade e insalubridade do antigo cuartel da Garda Civil, en Casimiro Gómez e esixir ao Estado que actúe xa para pór fin a esta situación. O Concello de Pontevedra comparte esta preocupación e mesmo propón un novo uso para o edificio: que sexa a sede da comisaría da Policía Nacional. Esta proposta e ben acollida pola veciñanza.

Os representantes da asociación veciñal reuníronse co concelleiro de Mobilidade e responsábel da área Urbana, Luís Bará antes de achegarse á Subdelegación do Goberno de Pontevedra onde ían a entregar as sinaturas.

Luís Bará reiterou o apoio do Concello a demanda veciñal e subliñou a necesidade dunha actuación urxente. Reiterou tamén a disposición do Concello a colaborar co Estado na procura dunha solución definitiva.

A veciñanza de A Eiriña solicitan á administración do Estado:

  • a limpeza e mantemento dos terreos circundantes do vello e baleiro edificio
  • o coidado, limpeza e mantemento do edificio, para evitar a imaxe negativa que ten na actualidade
  • o control do acceso ao edificio para evitar a súa ocupación por persoas que acumulan lizo, ou que crean un grave risco de inseguridade e incendio
  • a tramitación dunha proposta de novo uso do terreo, estudando a posibilidade de destinalo a nova sede da Policía Nacional.

Fronte a aposta da Gerencia de Infraestructuras y Equipamientos de Seguridad del Estado pola recalcificación do vello edificio da Garda Civil, o Concello propón unha alternativa: o traslado da Comisaría da Policía Nacional a estas dependencias xa que están mellor situadas que as actuais para o tipo de necesidades deste corpo e dispón de máis terreo, un factor importante para atallar os problemas de espazo de estacionamento que teñen. Urbanisticamente tamén resultaría máis doado, xa que non sería preciso unha recalificación. O edificio da Policía Nacional xa está considerado como residencial no Plan Xeral, polo que o Estado só tería que vender o edificio e coas ganancias custear a reforma do edificio da Garda Civil.