Lourizán disporá a medio prazo dun gran centro social mutiusos no que as distintas asociacións veciñais e colectivos sociais da parroquia compartirán espazos e servizos. Será o resultado da reforma integral do actual centro social de Estribela que comparte instalacións co vello mercado baleiro.
O concelleiro de Lourizán e coordinador do Rural, Demetrio Gómez, reuniu ao consello parroquial de Lourizán co fin de definir dun xeito consensuado o catálogo de necesidades do novo centro e falar dun proxecto demandado dende hai anos pola veciñanza da zona.
Representantes sociais e concelleiro apuntaron a necesidade de dispor no novo centro de espazos insonorizados co obxectivo de poder desenvolver actividades musicais e tamén actividades simultáneas sen estorbos. Tamén ven necesario un espazo amplo, diáfano e multifuncional con equipamento audiovisual para a realización de actividades moi concorridas.
Por outra banda dende o consello parroquial de Lourizán insistiuse en que cun único despacho-sala de xuntas chegaba para todos. Nel, iso si, haberá que poñer armarios individuais para que cada asociación e colectivos garde as súas cousas.
Na mente de todos estaba o modelo da Casa Verde, o centro social de Salcedo.
O concelleiro Demetrio Gómez traslada agora o programa de necesidades aos servizos técnicos municipais para que fagan o proxecto de reforma e remodelación integral do centro de Estribela. O anteproxecto será levado ao Consello parroquial para que o coñezan e fagan suxestións antes da súa licitación.