O relevo xeracional garante a continuidade de Noites Abertas

13

Noites Abertas pechou a súa dezasete edición con nota. Un total de 6.025 mozos e mozas participaron no programa de lecer e ocio xuvenil 20016 que organiza a Concellería de Xuventude o que amosa o interese sostido no tempo dunha programación que cada ano inclúe novidades. O 95% deles valorou con un “ben” o “moi ben” a programación; o 96% aos monitores/as, o 85% os espazos elixidos para o desenvolvemento das actividades o 88% aprobou o horario.

O balance de Noites Abertas 2016 acredita que a iniciativa ten relevo xeracional xa que o 90% dos participantes tiña entre 12 e 25 anos (a idade tope é 30 anos). O 46% foron mulleres e o 54% homes. O 65% dos participantes son de Pontevedra, o 33% de concellos limítrofes e o resto doutros lugares.

O peche do programa permite aos organizadores avaliar o resultados co fin de corrixir erros, profundar nos éxitos e ter en conta as inquedanzas e suxestións dos mozos e mozas cara a programación do próximo ano.

O relevo xeracional e a capacidade de renovación de Noites Abertas é un dos aspectos subliñados na avaliación na que tamén ocupa un lugar salientable o traballo feito pola Comisión de Igualdade, unha iniciativa posta en marcha por vez primeira co obxectivo de detectar e corrixir condutas sexistas e promover a igualdade na organización e desenvolvemento das actividades de Noites Abertas.

A supervisión e intervención da Comisión de Igualdade permitiu constatar, nalgún caso por parte dos monitorxs, participantes ou público, o uso dunha linguaxe sexista e máis preocupante para eles foi a constatación da existencia, asumida de forma critica, dun ocio diferenciado, de actividades para mozos e actividades para mozas. “Cando se lles facía notar o uso dunha linguaxe o comportamento sexista o entendían e trataban de corrixilo” explica o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez.

Estas constatacións leva a Concellería de Xuventude a darlle pulo a Comisión de Igualdade que elaborará un manual de boas prácticas e promoverá accións para a utilización dunha linguaxe inclusiva. Tamén se insistirá na necesidade de sensibilizar a xente máis nova en prol da igualdade.

Unha análise polo miúdo do desenvolvemento de Noites Abertas 2016 levou as seguintes conclusións: hai un descenso na participación de actividades que levan anos desenvolvéndose; as actividades diúrnas fóra do horario habitual (19.00-01.00) non funcionan; as actividades no exterior funcionan pero están totalmente condicionadas pola climatoloxía; a necesidade de inscrición nalgunhas actividades e de revisar a colaboración co Salón do Libro.