Igualdade convoca unha nova edición dos premios Ernestina Otero

58

A Concellaría de Igualdade vén de convocar unha nova edición dos premios Ernestina Otero para incorporar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster para os alumnos das universidades galegas.

Os traballos presentados deben terse defendido ao longo do curso 2015-2016. A temática ten que tratar sobre “fomento da igualdade entre homes e mulleres, facilitando a sensibilización e a participación de toda a cidadanía”.

Será premiado o mellor traballo que incorpore a perspectiva de xénero e a súa facilidade de posta en práctica, promovendo accións que favorezan e fomenten a igualdade real entre homes e mulleres.

Concederanse catro premios para as dúas categorías: dous premios para os dous mellores traballos de fin de grao por importe de 1.000 euros cada un, e outros dous para os dous mellores traballos de fin de Máster por importes de 1.000 euros cada un deles podendo, no caso de quedar deserto algún dos premios de calquera das categorías, pasar a outorgarse na outra categoría.

As persoas que obtiveran o premio recibirán, ademais da achega económica, un diploma de mención pola presentación do seu traballo que se entregará nun acto público nas datas que se determinen.

Entre os obxectivos do Consello das Mulleres do Concello está incluír o fomento da igualdade entre homes e mulleres, facilitando a sensibilización e a participación de toda a cidadanía. Peza clave para conseguir este obxectivo é o compromiso da comunidade educativa xa que resulta fundamental traballar a perspectiva de xénero.