Fóra a flora invasora da Xunqueira de Alba

25

Comezaron os traballos para localizar e retirar as plantas invasoras na zona da Xunqueira de Alba. Completaranse coa retirada de lixo e restos acumulados na marisma e tentarase facer o mesmo nas charcas próximas.
Os traballos desenvólvense baixo a supervisión do departamento municipal de Medio Ambiente Natural. Após dunha avaliación de situación procederase a actuar nas distintas zonas nas que medra flora invasora.

As especies de flora invasora sobre as que se actuará dun xeito directo son as seguintes:
• Herba da pampa: Cortaderia selloana
• Acacia negra: Acacia melanoxylon
• Mimosa: Acacia dealbata
• Robinea: Robinea pseudoacacia
• Cana: Arundo donax
Cotula coronopifolia. Medra en zonas de xunqueira e marismas costeiras creando
masas monoespecíficas. O arranque manual debe ser moi coidadoso posto que os
restos que poidan quedar poden enraizar dando lugar a novas plantas
Tradescantia fluminensis. Moi frecuente en zonas húmidas, beiras de ríos, ameneirais, etc. nos que forma tapices monosespecíficos afectando á rexeneración natural das
especies autóctonas.

O obxectivo da actuación é preservar os valores naturais e paisaxísticos deste espazo da cidade que ten a cualificación de ENIL (espazo natural de interese local) e que é unha zona moi concorrida polos pontevedreses e pontevedresas que teñen na práctica do deporte e actividade física un dos seus hábitos de lecer.

Tamén se retirarán as especies invasoras (neste caso herba da pampa) da rotonda de Praceres.