ARIs do centro histórico e Estribela, nova convocatoria de axudas

23

O Goberno Local aprobou hoxe unha nova convocatoria de axudas para vivendas e edificios das Area de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico de Pontevedra e de Estribela a cargo dos fondos contemplados para o período 2013-2016. As previsións para esta nova convocatoria ascenden a 57 actuacións en vivendas cun orzamento protexible de 830.000 euros para a ARI do centro histórico e a 34 actuacións cun orzamento protexible de 194.000 euros.

Hai que lembrar que a axuda económica será por un importe máximo do 35% do custo subvencionable das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, e cunha contía máxima por vivenda obxecto de rehabilitación de 11.000 euros. Ministerio de Fomento, Concello e particulares van da man nestas actuacións.

Con estas axudas poderanse acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa; eficiencia enerxética, espazos comúns dos edificios…

Unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as axudas haberá un prazo de 30 días para presentar as solicitudes. En principio as obras terán que estar xustificadas a 30 de novembro de 2016 aínda que as Oficinas de Rehabilitación de ARIs tentan de negociar unha prórroga con Fomento.

Esta segunda convocatoria prodúcese despois de que a primeira non se completaran os totais subvencionábeis. No ARI do Centro Histórico presentáronse 16 solicitudes e no caso do ARI de Estribela, 5 solicitudes. Cando o abano estaba aberto (según as previsións iniciais) para 41 actuacións no caso do casco histórico e de 21 en Estribela.

O Concello de Pontevedra, o Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas asinaron o pasado 27 de outubro o acordo de constitución da comisión bilateral para xestionar os fondos da primeira fase do ARI do Centro histórico de Pontevedra e da Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Estribela para a xestión de 2.148.924 euros de axudas: 1.784.681 euros son para o Centro Histórico de Pontevedra, e 364.243 euros son para Estribela. Dos 2,1 millóns de euros o Ministerio achegará 750.000 euros; o Concello 322.188 euros; e a iniciativa privada 1.076.735 euros.