Lores: “Os cambios na mobilidade non poden compracer a todos pero si aos máis”

14

O alcalde Miguel Fernández Lores participou no Foro das Cidades de Madrid, onde falou de como Pontevedra logrou aplicar un modelo de mobilidade sustentable de éxito, diante dun público de técnicos e representantes interesados que acudían a esta xuntanza anual de xestión e deseño urbano.

Lores, despois de falar do modelo pontevedrés ante os representantes de Palma, Torres Vedras, Barcelona, Madrid e Cuenca participou nun animado debate ao redor dos límites do consenso ou das decisión por maioría cando se abordan situacións de cambio drástico como as que acostuman a traer consigo os procesos de transformación.

Lores suscitou un alto grado de interese ao reflectir que sen dúbida non se pode compracer a todo o mundo pero si a un elevadísimo número de persoas polo que é convinte relativizar as ameazas de grupos de presión ou oposición que sempre estarán en fronte de calquera cambio que reduza os privilexios dos coches no interior das cidades.

Manifestou que Pontevedra está a amosar que a cidade funciona cos coches que necesita, sen ningún mais, xa que o exceso de vehículos convirte ás cidades en lugares nos que a vida cotiá non é doada.

Tamén subliñou que os cambios deben abranguer ao conxunto da cidade, e non só aos centros co fin de garantir a igualdade da cidadanía e a multifuncionalidade do espazo urbano.