‘Summum’ regresa ao Pazo da Cultura o último trimestre do ano con danza e teatro

377

A concelleira de Cultura Anxos Riveiro, presentou esta mañá os 4 espectáculos que conformarán o cartaz do ciclo de artes escénicas “Summum” nos meses de outubro e novembro.

Ás pezas teatrais “Reina Juana” protagonizada en solitario por Concha Velasco e “La asamblea de las mujeres” con Lolita e Pastora Vega entre o seu elenco, sumaranse por primeira vez dous espectáculos de danza: “Foot-ball” do coreógrafo Cesc Gelabert e “As catro estacións” do Centro Coreográfico Calego.

Anxos Riveiro destacou a boa acollida que está a ter este ciclo, inserido dentro do programa PLATEA do INAEM, ao que o Concello se adheriu en 2014: “Parece que á xente non lle está costando tanto cruzar as pontes para achegarse a ver teatro incluso nos meses máis duros do ano. Summum está a consolidarse e atrae públicos diversos, feito que responde tamén á programación que plantexamos: espectáculos de calidade, con elencos recoñecidos, que abarcan o teatro, o humor e a danza”.

A aceptación do ciclo por parte do público faise visible no incremento dos espectáculos programados, xa que no 2014 foron 4, no 2015 un total de 5 e, no 2016, sumarán 8.

Unha das novidades cara a vindeira edición, reside na oferta de abonos para os 4 espectáculos en venda anticipada, ao igual que as entradas soltas, a partir de hoxe mesmo en Ataquilla.com. O prezo dos abonos é de 42€ + gastos e o das entradas indivuais, oscila ente os 10 e os 18 + gastos.

Cabe salientar tamén que, o espectáculo Foot-ball de danza contemporánea, está recomendado a partir de 7/8 anos o que permite “achegar públicos cada vez máis novos as artes escénicas, con espectáculos de calidade, novidosos e dos que gozar en familia”.

22 outubro| 21.00 h – “Reina Juana” con Concha Velasco

Monólogo protagonizado por Concha Velasco que interpreta a unha das mulleres máis fascinantes e incomprendidas da historia: a raíña Juana de Castilla. Un oratorio escrito

por Ernesto Caballero no que se presenta a Juana la Loca repasando a súa vida no momento da súa morte.

Prezo: 15€ máis gastos de tramitación

5 novembro | 19.30 h – “Foot-ball” de Cía. Gelabert-Azzopardi

O coreógrafo Cesc Gelabert traballa nesta peza con dúas das principais linguaxes non verbais da nosa cultura: o fútbol e a danza. Foot-ball é a ocasión de ver en xogo a un corpo de bailaríns descodificando, coreograficamente, algunhas das mellores xogadas do FC Barcelona, recreadas á súa vez pola mirada do cineasta Jordi Morató.

Prezo: 12€ máis gastos de tramitación

Recomendado a partir de 7/8 anos.

18 novembro | 21.00 h – “La asamblea de las mujeres” con Lolita, Pastora Vega..

Lolita, Pastora Vega, María Galiana e Pedro Mari Sánchez encabezan o elenco de nove actores e actrices que dán forma a esta divertida trama coral. A peza, que supón o debut na dirección de Juan Echanove, foi escrita por Aristófanes no ano 392 A.C. Plantexa una revolución feminina liderada por Praxágora (Lolita).

Prezo: 18€ máis gastos de tramitación

26 novembro| 21.00 h – “As catro estacións” (A.Vivaldi) do C. Coreográfico Galego

Espectáculo de danza con coreografía de Kenneth Tindall e Íker Gómez no que se evocan distintos aspectos das estacións do ano. A escenografía combina imaxes das provincias galegas coas catro estacións do ano: Primavera (A Coruña), Verán (Pontevedra), Outono (Ourense) e Inverno (Lugo).

Prezo: 10€ máis gastos de tramitación

SUMMUM programación

SUMMUM Cartel