A rúa do Mercado e o remate da avenida Marqués de Valterra, novas actuacións do ARI en Estribela

14

A Comisión de Urbanismo ditaminou esta mañá a rehabilitación de dúas rúas no casco histórico de Estribela, na parroquia de Lourizán, a cargo dos fondos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) concedidos para este núcleo.

Como é coñecido, nos ARIs ofrécense achegas a proxectos privados pero tamén a obras públicas. No que ás obras públicas respecta, a subvención é do 35%. No caso de Estribela, o Concello decidiu investir estas novas melloras do espazo público para a reurbanización do espazo público na avenida Marqués de Valterra (tramo II) e a renovación do pavimento na rúa do Mercado.

Avenida Marqués de Valterra

A actuación na avenida de Marqués de Valterra comprende o espazo dende o Mercado, continuando até a avenida Marqués de Valterra, así como o entronque con a rúa Pedralonga.

Propón a substitución total do pavimento da rúa, de 54 metros de lonxitude, por un novo pavimento continuo de lousas de granito, incorporando o mesmo material no deseño das tapas das arquetas e pozos de rexistro. Dado o estado de deterioro da rede de canalizacións de augas pluviais, proponse o redimensionamento e substitución da totalidade da rede de pluviais no tramo de Marqués de Valterra. Tamén se revisará toda a rede de fecais, coa execución de novas acometidas onde na actualidade non existisen.

Tamén está prevista a limpeza da fonte pública e colocación de sinalización horizontal e papeleiras.

O custe desta actuación é de 31.250 euros.

Rúa do Mercado

No tocante á renovación do pavimento na rúa do Mercado, que conecta a rúa Senén -peonil- e a avenida de Avelino Montero Ríos, cunha lonxitude duns 36 metros, está previsto que se levante todo o pavimento actual da rúa e sanear o terreo. Dotarase de novo pavimento a base de lousa de granito -chanzos incluídos-. Substituiranse as tapas de rexistro e repararanse todas as instalacións dos servizos municipais que puideran verse afectadas. Tamén se instalarán unhas barandas de aceiro inoxidable para facilitar a mobilidade pola rúa.

O custe desta reforma é de 30.008 euros.