Monte Porreiro coñece o funcionamento dos composteiros comunitarios que se instalarán no barrio

31

Interese e boa receptividade. É o resumo da reunión mantida onte pola tarde, entre os veciños do barrio e os mestres composteiros que xestionarán o plan Revitaliza da Deputación no barrio.

A reunión foi no Centro Cultural de Monte Porreiro e os asistentes mostraron o seu interese por cuestións prácticas do estilo “podo botar as servilletas de papel ou se poden ir produtos frescos”. Todas as cuestións foron resoltas polos mestres composteiros, xa que en breve botarán a andar as tres illas de compostaxe que se instalarán nas rúas Italia e Alemaña, e na praza de Europa.

Cada unidade ten capacidade para recoller os residuos orgánicos de entre 150 e 200 persoas, polo que en todo o barrio de Monte Porreiro será preciso instalar un total de 33 illas de recollida de orgánicos.

Estas illas disporán de cinco espazos para os orgánicos. Os veciños tirarán o lixo nos dous primeiros. Os dous seguintes son para que os mestres composteiros vaian desplazando o compost até que acabe o proceso de tratamento, e o último para superar a última fase antes de ser recollido. Cabe lembrar que unha tonelada de residuo orgánico crea arredor de 100 quilos de compost ao cabo duns 21 días, aproximadamente.

Nestas illas tamén haberá unhas caixas de madeira para a colocación do estruturante que será facilitado polo Concello. E tamén unha fonte para que a xente poida limpar o caldeiro no que leve os residuos, no caso de que empreguen este utensilio para depositar o lixo.