Anxos Riveiro e Alfredo Bea, na presentación oficial dos Campionatos de Europa de Pontevedra

7

O comité organizador puxo en marcha para esta importante cita internacional unha das campañas de ambientación máis ambiciosas de tódolos tempos (incluindo una gran pantalla que proxectará, ademáis de imaxes da proba, videos sobre Pontevedra) co obxectivo de crear unha imaxe común para que os deportistas identifiquen a cidade con calidade e acollida. Toda a información da proba está no campo de regatas e nos monolitos da cidade, ademáis de na web piraguismo.pontevedra.gal. Anxos Riveiro, concelleira de Deportes, salientou, neste senso, o “grande esforzo realizado para amosar unha boa imaxe da cidade ás numerosas persoas que nos van visitar. Imaxe que xa se pode ver estes días nas beiras do Lérez e tamén a través da web do Concello”.

Riveiro aproveitou a ocasión para “convidar a tódolos amantes do deporte a que asistan á cerimonia de inauguración (da categoría elite), que terá lugar no contorno da Ponte dos Tirantes o vindeiro mércores dende as sete e media da tarde. Será un acto sinxelo -explicou- pero que creemos que vai ofrecer unha imaxe moi bonita do que é neste momento o noso país, conxugando detalles da Galicia máis tradicional, pero tamén da máis contemporánea. Teremos -ademais do habitual desfile de bandeiras- a Malaguita DJ, afincado na nosa cidade, así como a Davide Salvado e Os de Algures, do mellor da música do noso país”.

A concelleira referiuse tamén ao “plus económico” que supoñen estes campionatos, “non só na propia semana de competición, polos numerosos deportistas que veñen cos seus acompañantes, senón tamén de cara a atraer a moita xente no futuro gracias á imaxe internacional que se transmite a través do deporte”. Malia que non haberá datos oficiais de ocupación hoteleira ata que remate a competición, Anxos Riveiro apuntou que “esta semana temos tamén o Festival Internacional de Cinema e foi difícil atopar oco en Pontevedra, o que nos da unha idea de que é prácticamente plena”.

Alfredo Bea destaca a responsabilidade de organizar estes campionatos

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, comezou a súa intervención cun agradecemento ao Concello, “que foi o que nos propuxo no seu día organizar como estes campionatos de Europa. Temos un problema, que é que nos custa dicir que non, pero sabendo sempre a responsabilidade que conleva un Campionato de Europa. É o espello do traballo que se fai dende a Federación polo deporte das piraugas”. O máximo dirixente do piragüismo autonómico, que visitou precisamente esta mañá o recinto de competición xunto cos membros da Federación Internacional, declarou que “todo o que están vendo non é que lles guste, senón que lles está encantando, e esperamos que siga sendo así”.

No que se refire aos aspectos máis técnicos, Bea lembrou que “tivemos hai unhas semanas o Open Cidade de Pontevedra, no que vimos que o circuito e o sistema de saídas funcionaba perfectamente e que o sistema de pantaláns e porteos estaba dentro dos parámetros de máxima calidade”. Ademais, os dous días de competición na categoría Master servirán “para seguir testeando tódalas modificacións que se fixeron dende esta última proba para que a partires do xoves, nun campionato xa oficial, funcione todo á perfección”.

Todo se ten en conta ata o máis pequeno detalle. Un exemplo é a adaptación dos horarios ás mareas, que “nos permiten ter menos pendente de rampa, o que fai que a competición sexa máis vistosa”, explicou o presidente, quen destacou ademais que “a infraestructura que se montou é espectacular, cunha bancada con capacidade para 360 persoas e cunha pantalla xigante para poder ver en streaming todo o percorrido. A sorte que temos é que todo o río Lérez permite ver gran competición e grandes porteos dende calquera zona do paseo ou da Illa das Esculturas”.

Bea lembrou que haberá tamén un seguimento importante por parte da Televisión de Galicia (seguimento continuo con conexións en programas en directo, especiais deportivos e mesmo un programa especial cos medallistas galegos) e que as probas de elite se emitirán en streaming a través da canle da Federación Internacional de Piragüismo. “Para que sexa un éxito -sinalou- fáltanos algo fundamental: que os cidadáns de Pontevedra e de toda Galicia se acheguen a ver un deporte que nesta cidade ten cinco clubes (é a cidade galega con máis clubes de piragüismo) e que é tamén unha das máis grandes canteiras de deportistas”.

En canto á participación, o presidente da Federación Galega manifestou que “estamos preto dos 270 deportistas na categoría master e nuns 230 en categoría elite. Ucrania confirmou esta mesma mañá e as grandes potencias, como España, Hungría, Alemania ou Portugal, traen equipos completos. Dende a Federación esperamos cumprir obxectivos, e para iso contamos co equipo máis grande da nosa historia, con 15 padexeiros competindo nunha regata internacional de maratón”.

Finalmente, Alfredo Bea amosouse satisfeito polo traballo realizado e declarou que “só hai que ter calma e agardar que saian ben tódolos actos protocolarios. O tempo tamén o conseguimos perfecto, as negociacións foron óptimas -bromeou-, imos ter un fin de semana espectacular de sol; o vento, que era o único que nos preocupaba, estase calmando e as perspectivas son boas”.