O Concello de Pontevedra iniciou esta semana traballos para mellorar a mobilidade peonil no ámbito das rúas Daniel de la Sota e Peregrina nas que conflúen un grande número de persoas ao longo do día. Con esta actuación, o Concello pretende dar resposta ás múltiples peticións de veciños e comerciantes da zona que solicitaban reducir estes espazos, e dar unha solución definitiva ao difícil mantemento destas zonas verdes, situadas nunha zona moi sombría.
Os traballos consisten na eliminación dos espazos de céspede pero manteranse as árbores. Para protexelas, instalaranse alcorques de pedra ao arredor de cada unha delas.
Ademais, levantaranse as lousas que están en mal estado e instalarase un pavimento novo similar ao resto da rúa.
O orzamento desta actuación é de 60.244,88 euros.
Obras no Mercado de Abastos
O Concello tamén está a instalar novo pavimento na contorna do Mercado de Abastos, en concreto na rúa de saída do estacionamento soterrado. O estado destes panos de lousa era moi malo xa que o pavimento non era o máis acaído para o uso diaro desta zona (eran lousas de boton). Ante o mal estado de conservación, o Concello levantou o lastro de toda a rúa e aplicou formigón barrido entre bandas de pedra, unha solución máis acaída para o uso diario que ten esta zona.
O orzamento desta actuación é de 32.545,66 euros