Cinema e electrónica para o Orgullo 2016

128

A ambientación do balcón municipal coa bandeira da diversidade é o principal acto simbólico deste ano en Pontevedra con motivo do Orgullo LGTBI, que se celebra en todo o mundo en reivindicación da normalidade afectivo sexual.

“Reivindicamos a diversidade, o dereito de todo o mundo a exercer a súa sexualidade con normalidade, independentemente das características que teña” sinalou o alcalde Miguel Fernández Lores ao pé da Casa Consistorial onde pendura a bandeira do Orgullo, xunto aos portavoces dos grupos municipais. “Levamos anos visualizando a diversidade sexual e dun xeito oficial, dende o Concello” engadiu

Outras dúas datas figuran na conmemoración pontevedresa. O vindeiro día 5 de xullo, martes, ás 20 horas, estará na Casa das Campás o director do documental “El Viaje de Carla”, Fernando Olmeda, para asistir á proxección do filme e a unha posterior tertulia con el.

E o vindeiro sábado, día 9, o parque dos Gafos, e baixo o slogan “Son, natureza e liberdade” será escenario do Flop Festival, unha festa de 12 horas de música electrónica na que destacados dj coordenados por Malaguita (Certain Music) renderán unha homenaxe á orixe deste xénero musical, nado na comunidade gay americana.

De Lisboa virá o Dj Tiano, de Madrid Álvaro Cabana, Grobas da Coruña, You-El de Ourense e os locais Malaguita, M. Gómez, Breixo, Tales of the System, Moreno Moreno e Samantha Calvario.

Ademais de música – que continuará a partires das 00,30 horas na sala Karma- no Flop tamén se pode xantar a calquera hora e gozar dunha senlleira romaría urbana mesmo á beira do río dos Gafos.

Flop cartel final copia