Deseñado o novo espazo deportivo da praza de Barcelos

67

O concelleiro Luís Bará fixo esta mañá un repaso das obras en marcha e das próximas intervencións previstas para mellorar a mobilidade, accesibilidade e equipamentos urbanos. Un amplo abano de actuacións que van dende obras como as de Medico Ballina, a piques de rematar; até obras a punto de comezar como as previstas nas rúas Amor Ruibal e Alcalde Hevia, e outras xa adxudicadas e que principiarán nun prazo de dúas ou tres semanas como ás da rúa Javier Puig.

Entre as novas actuacións presentadas polo responsábel do departamento de Obras e
Mobilidade están:

  • Rúas Loureiro Crespo-Ernesto Caballero-Forcarei: Renovación de pavimento, melloras de accesibilidade e medidas de calmado de tráfico en Loureiro Crespo, no tramo avenida de Lugo-Doce de Novembro. Instalarase un paso de peóns elevado (lombo) á altura da rúa Forcarei e un redutor de velocidade á altura do antigo Asilo-esquina con Ernesto Caballero (en sentido baixada). Nas rúas Ernesto Caballero e Forcarei acometeranse tamén arranxos no pavimento, ampliación de beirarrúas e medidas de calmado de tráfico. Estas actuacións suporán un investimento de 51.847 euros.
  • Praza de Barcelos: O Concello dispón xa dun proxecto de espazo polideportivo que ocupará a vía peonalizada ao carón do muro do convento de Santa Clara. Inclúe dúas pistas polideportivas (de 20×9 metros), dúas canastras de baloncesto, unha mesa de ping pong e mobiliario: seis bancos, dúas papeleiras e unha fonte. O concelleiro de Mobilidade manterá unha xuntanza coa comunidade escolar do CEIP Praza de Barcelos co fin de que avalíen a proposta e fagan suxestións. Para este proxecto hai unha achega de 60.162 euros.
  • Rúa A Barca: Mellora da pavimentación da rúa e arranxo das arquetas. Engadirase un novo paso de peóns. A obra terá un custe de 59.000 euros.

Por outra banda o concelleiro de Obra e Mobilidade anunciou a contratación dunha
asistencia técnica para deseñar a ordenación e os usos da parcela de Doce de
Novembro cedida por Adif. Un novo espazo recuperado para a veciñanza no que se
considera a construción dunha zona axardinada, dunha área polideportiva e outra para
xogos urbanos como o skate.

Tráfico no centro
As obras no centro urbano, as que se están acometer en Daniel de la Sota, e as
pendentes no eixo Cruz Gallastegui e Castealo, así como as previstas nas rúas José
Millán e Javier Puig levan á Concellería de Mobilidade a avaliar a oportunidade de adiar
os cambios de tráfico no casco urbano. Neste senso o concelleiro reunirase nos próximos
días coa Policía Local para estudar a situación.

Tamén ten en carteira unha nova xuntanza coa veciñanza e comerciantes das rúas Cruz Gallastegui e Castelao. Non se descarta que os cambios de circulación queden aprazados até o remate das obras, no outono.