O Concello achega 8.800 euros para a limpeza de dúas fachadas de Santa María

20

O Concello de Pontevedra colabora co arcebispado de Santiago na conservación da
Basílica de Santa María. Hoxe o alcalde Miguel Fernández Lores e o párroco de Santa
María, Francisco Javier Porro asinaron un convenio para a limpeza e conservación das
fachadas occidental (principal) e norte da Basílica de Santa María polo que a
administración local fará unha achega de 8.802,75 euros.

Os traballos -que teñen un custe global de 17.500 euros- realizaranse neste ano 2016. De
feito a actuación na fachada principal xa está rematada. Os da portada norte comezarán
en breve. Nos dous casos a actuación está a cargo dunha empresa especializada que
traballa con escaladores polo que non será preciso instalar estadas no templo, un dos
principais atractivos turísticos da cidade.

A Igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra, monumento emblemático da nosa cidade
e parte indispensable da súa paisaxe urbana, foi construída no século XVI, e no ano 1962, por decreto do Papa Juan XXIII pasou a ser Basílica. Hoxe en día, está considerada Ben de Interese Cultural así como Monumento Histórico-Artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional por decreto do 03/06/1931.