iFala chega a Pontevedra

22

Chega a Pontevedra a exposición itinerante iFala. A mostra estará con nós o próximo sábado, 2 de xullo e poderase visitar de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.30 horas, dentro do autobús que estará na praza de Ourense. A exposición abrangue, a través dunha liña temporal, desde os precursores das Irmandades no século XIX ata 1936, cando o golpe de estado e a Guerra Civil truncaron todo o proxecto.

Carlos Quiroga, membro da asociación Ora Galega e profesor na Universidade de Santiago de Compostela, fará unha visita guiada pola mostra ás 20 horas.

iFala está promovida pola asociación Ora Galega, co apoio de distintas administracións públicas, entre elas o Concello de Pontevedra. A exposición é un homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos crearon as Irmandades da Fala ao longo de todo o país, co fin de defender a lingua, incrementar a nosa autoestima, fomentar a cultura e a identidade galegas, conseguir a igualdade de dereitos para a muller e atinxir a soberanía estética, cultural e política da Galiza.

O 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, a exaltación e o fomento da lingua de Galicia; na mesma xuntanza nomearon a Antón Vilar Ponte Primeiro Conselleiro. En pouco tempo, a iniciativa espallouse por todo o territorio, de xeito que a finais dese ano xa existían media ducia e chegou a haber case trinta, repartidas en cidades e vilas. Posteriormente constituíronse como unha plataforma a prol da lingua, a cultura e a identidade galega.

O autobús iFala comezou o percorrido da exposición na Coruña o 21 de maio, coincidindo co centenario da creación da Irmandade da Fala da Coruña; despois levou a mostra a Betanzos, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, O Barco, Lalín, Ourense, Monforte, Ponteareas e Vilagarcía.

Ademais de en Pontevedra, o sábado 2 de xullo, a exposición poderá visitarse en Vigo, o 3 de xullo; na Estrada, o 8 de xullo en Santiago de Compostela, o 9 de xullo, onde rematará a itinerancia.

iFala en Pontevedra 1