Concello e Deputación teñen unha cita: a sinatura do convenio para o saneamento de Mourente e dos Gafos

41

Concello de Pontevedra e Deputación Provincial asinarán o próximo mércores, 6 de xullo, o convenio de colaboración para sacar adiante as obras de saneamento de Mourente- Bora e do Gafos. As obras serán cofinanciadas ao 50% de tal xeito que cada unha das administracións asume unha achega de 1.057.078,50 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o convenio, acto que o Goberno Provincial fixera o pasado venres.

O portavoz do Goberno Local, Raimundo González, lembrou que o saneamento de Mourente-Bora saiu a licitación por 987.982,53 euros, cun prazo de execución de nove meses e atópase en fase de adxudación, pendente dun informe técnico.

O proxecto recolle as obras necesarias para conducir as augas vertidas nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados na parroquia de Mourente, as súas conexións coa rede existente ata facelas chegar á planta depuradora situada en Praceres. Son 5.000 metros lineais de tubaxes, á que se engadirá unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense. Será a instalación de tubos de 400 mm cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. A licitación contempla como melloras a posibilidade de instalación da rede de abastecemento neste ámbito, e tamén completar o saneamento ao núcleo de Leirados.

Polo que respecta ao saneamento do río Gafos o proxecto ten un custe de 1.126.174,48 euros. Trátase da actuación programada no seu día con Augas de Galicia e que foi anulada de xeito unilateral pola administración autonómica.

O portavoz municipal sinalou que o expediente do proxecto e saneamento do Gafos está pendente do informe de Intervención para saír a licitación. Os traballos estenderanse no tramo do río que vai dende o linde co concello de Vilaboa até a estación de autobuses de Pontevedra. Como posíbel mellora incorporarase levar o saneamento até a rúa Alcalde Hevia.