“Ofrecer unha prestación de tarefas de carácter doméstico e/ou persoal en domicilios, de xeito puntual e inmediato, en relación de persoas asistidas de urxencia pola Policía Local de Pontevedra a consecuencia de avisos por caídas fortuítas en casa”. Con esta obxectivo de apoio sociosanitario comezou a funcionar esta semana o novo programa de Atención Domiciliaria de Urxencia que promove a Concellería de Benestar Social Municipal (BSM).
Trátase dunha necesidade de atención sociosanitaria detectada polos Servizos Sociais do Concello a partir dos informes redactados pola Policía Local que responde ás chamadas de auxilio destas persoas, case sempre de noite e case sempre de maiores que viven sós ou acompañados de parellas de idade avanzada ou persoas dependentes que non poden prestarlle a atención de carácter persoal ou doméstico imprescindible para que queden en bo estado de hixiene e seguridade e podan ter un bo descanso após o incidente.
O apoio sociosanitario e doméstico se inicia exclusivamente a instancias da Policía Local que requirirá o servizo. As necesidades de atención preséntanse de xeito imprevisto en calquera momento polo que o servizo poderá requirirse ás 24 horas dos 365 días do ano. O programa arranca cunha estimación de atención de 30 persoas ao ano
As auxiliares de atención persoal e doméstica que acudan á chamada da Policía Local poderán prestarlle a persoa que sufriu o incidente ou accidente, en función do ocorrido, os seguintes coidados:
- Aseo persoal e cambio de cueiros e roupa de vestido
- Cambio de roupa de cama e arranxo básico da estancia onde se atope a persoa usuaria
- Apoio para deitarse ou levantarse da cama
- Preparación de alimentos e axuda a tomalos
- Facilitará o achegamento dos elementos da vivenda que proporcionen seguridade: teléfono, teleasistencia
- Aqueles outros que se fagan precisos para facilitar a hixiene e seguridade da persoa usuaria
Ademais terán que informar aos Servizos Sociais do Concello sobre a actuación practicada, nun prazo máximo de 12 hora. Esta información, xunto co informe da Policía Local, será avaliada pola responsábel do programa de Axuda no Fogar que após de facer as intervencións propias do traballo social dará conta, selo caso, á traballadora social de zona.