Comeza o proceso para a disolución do Instituto Municipal de Deportes

69

A Comisión de Réxime Interior, Participación, Persoal e Xustiza tratará o vindeiro mércores, 13 de xullo, o inicio do expediente de disolución e extinción do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra (IMD). Con este trámite, que terá que ser refrendado polo Pleno Municipal, o Goberno inicia o proceso de disolución do Instituto Municipal de Deportes para axilizar toda a tramitación administrativa deste departamento do Concello e tamén poder reforzar a plantilla asignada á Concellaría, que na actualidade ofrece moitas dificultades de implementación, de feito o incremento da plantilla sería preciso para poder manter o ritmo de competicións deportivas que se celebran no Concello de Pontevedra.

Cabe lembrar que o IMD se constituíu no ano 1996 como organismo autónomo asumindo todas as competencias de deportes do Concello. Aínda que durante moitos anos tivo un funcionamento eficaz e eficente, na actualidade a estrutura municipal acadou unha dimensión tal, que en materia de deportes resulta máis eficiente realizar as xestións administrativas e deportivas a través das estruturas do propio Concello, convertindo en habitual o apoio da estrutura do Concello nas actividades do IMD.

A memoria xustificativa da disolución do IMD recolle que algunha das estruturas organizativas do IMD duplican as existentes no Concello. Ademais, o organismo tal e como esta dimensionado e configurado non ten capacidade para asumir todos os fins propios e a súa ampliación non suporía incrementar a eficacia e eficiencia respecto da súa prestación polo Concello. Nos últimos anos, púxose de manifesto que o incremento da actividade deportiva do Concello esixiu que múltiples tarefas e funcións deste eido tivesen que ser prestadas directamente pola entidade local, ata tal punto que o gasto do mundo deportivo por parte do Concello representa unha parte moi importante do gasto total neste ámbito.

Por outro lado, a memoria recolle que non parece conveniente e necesario que se proceda a ampliar a estrutura do organismo autónomo porque iso esixiría contías elevadas, máis caras que se as presta o propio Concello.

Ademais, se o Concello de Pontevedra recupera plenamente as súas competencias deportivas, realmente estarase reducindo os custes de prestación dos servizos porque poderá aproveitar estruturas e recursos municipais que non suporán incremento do gasto público.

Participación do mundo do deporte

Tamén recorda a memoria que a participación do mundo de deporte, pode canalizarse perfectamente a través da participación en diversos órganos e a través de mecanismos de participación cidadá, para o que o Regulamento de participación cidadá -que se está a modificar- constitúe un bo instrumento.

O procedemento de extinción e disolución do organismo autónomo require os seguintes trámites:

    1. Aprobación inicial polo Pleno da Corporación.
    2. Audiencia aos interesados e información pública por un prazo de 30 días hábiles para a presentación de reclamacións e suxestións.
    3. Aprobación definitiva polo Pleno da Corporación se existisen reclamacións ou suxestións. De non existir, entendese o acordo provisional elevado a definitivo.

A mesma memoria recolle que, dado que a extinción do organismo implica realizar unha serie de operacións administrativas de diversa índole considérase que a data idónea para a extinción dos organismo autónomo sexa a do peche de exercicio, é dicir, 31 de decembro de 2016.

Polo que se refire ao persoal laboral e funcionario que actualmente presta servizos no IMD, o Concello asumirá as obrigas propias de empregador sen que varíe a situación laboral dos empregados públicos, nin a natureza da súa relación co Concello.