Arredor dos 15 millóns de euros será os que achegará o Concello de Pontevedra ao novo proxecto “Gran Montecelo” que proxecta a cuarta ampliación desta infraestrutura Sanitaria na parroquia de Mourente -ao carón da actual situación do hospital- nunha parcela duns 46.000 metros cadrados. O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia chegaron a un acordo na redacción do convenio final, que se levará a aprobación da Xunta de Goberno Local de Pontevedra o vindeiro martes, e á Comisión de Urbanismo do mércores. De dar tempo, tamén se levaría para debate do pleno municipal o vindeiro 18 de xullo. Ben antes, ben despois, realizaríase a sinatura pública do convenio entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ao que probablemente asista o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde deu conta onte do convenio, unha vez que os técnicos municipais e autonómicos chegaron a un acordo das cláusulas que contén. Lembro Fernández Lores que a sinatura deste convenio faise “porque o Concello de Pontevedra leva loitando moito tempo na defensa da sanidade pública, por un hospital único en Montecelo”. “Unha vez que o Partido Popular cambiou a súa posición, existe certa garantía da construción dun hospital público”, asegurou Lores quen explicou que “logo de sete anos perdidos, dende o Concello apostamos agora por unha actuaicón con componentes económicos moi importantes para o Concello”.
4 millóns para expropiacións e a urbanización interior
Dende as arcas municipais farase unha achega de 4 millóns de euros, que se irán librando á Xunta de Galicia paulatinamente, en función de tres prazos: un millón cando estea redactado o Plan sectorial (será arredor de 2017); 1,5 millóns cando se inicien as expropiacións; e outro 1,5 millóns cando se licite a obra. Estes 4 millóns irán destinados ás expropiacións e á urbanización interior do Hospital, que será executadas, en ambos casos, pola Xunta de Galicia.
Ademais, ao apostar por realizar un plan sectorial para o hospital, a Consellería de Sanidade aforra arredor de 5 millóns de euros en licenzas municipais.
O problema da auga
No convenio, o Concello comprométese a achegar ao centro sanitario todos os servicios necesarios (luz, saneamento, telefonía, abastecemento…). No tocante ao abastecemento de auga, o Concello terá que facer unha canalización específica dende o novo depósito de Castro Senín, o que se prevé que a obra poda alcanzar arredor doutro millón de euros.
Entre os compromisos do Concello está aclarar e resolver toda a problemática da rede viaria a Montecelo. Mellorarase a vía interior do hospital -que permanecerá- e tamén se fará unha vía perimetral ao arredor dos tres centros hospitalarios de Montecelo para dar servizo a todo o complexo sanitario. A esta actuación súmase o primeiro tramo da ronda urbana que está en execución por parte da Deputación en convenio co Concello de Pontevedra e a rotonda de entrada á Cidade Infantil Príncipe Felipe. Ademais, de outras actuacións previas que se realizarán como a parte da ronda norte que une a estrada de Santiago co barrio de Monte Porreiro, para achegarse a Montecelo a través dos Campos.
Exoneración do pago do IBI
Outra das contribucións do Concello ao convenio a á exoneración do pago do IBI a todos os edificios sanitarios da cidade (os centros da saúde da Peregrina, Lérez, Monte Porreiro, A Parda, o centro de especialidades de Mollabao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo, nas súas sucesivas fases). Na actualidade o custe o IBI destas instalacións é de máis de 200.000 euros (nesta cifra non se inclúe a revisión da segunda e terceira fase de Montecelo, xa construídas), polo que sumando o novo edificio a cifra de exoneración anual pode rondar o medio millón de euros.
O alcalde explicou que “non podemos perder máis tempo”. “Demandamos con seriedade que non se perda nin un minuto máis para que os cidadáns da área sanitaria norte da provincia de Pontevedra teñan un centro hospitario moderno que dure para moitos anos”.