- Estase a traballar na substitución da carpintería interior de vestiarios, almacéns e tamén das portas que se deterioraron polas filtracións de auga da cuberta.
- A obra estará rematada nunhas semanas
Os concelleiros de Deportes e do Rural, Anxos Riveiro e Demetrio Gómez, respectivamente visitaron a pasada semana os traballos de reparación do Pavillón Municipal de Marcón onde se están a solventar importantes deficiencias provocadas pola filtración de auga dende a cuberta.
Polo tanto, renovouse a parte da cuberta deteriorada que filtraba auga e que danou a carpintería interior dos baños e vestiarios, dos almacéns e tamén ás portas. A cuberta está substituída na súa totalidade no tramo afectado e xa se rematou de acondicionar os almacéns.
Nestes momentos estase a traballar nos baños e vestiarios e tamén nas portas, para deixalas en perfecto estado de uso. Esta reforma prolongarase durante unhas semanas máis, pero o pavillón estará listo para o inicio da nova tempada deportiva.
A substitución da cuberta ten un orzamento de 26.795,17 euros e a substitución da carpintería interior de baños, vestiarios e almacéns ten un custe de 20.134,40 euros.
A reparación do Pavillón Municipal de Marcón forma parte do plan municipal de mellora das infraestruturas deportivas do Concello, no que se inclúen grandes proxectos como o Pavillón Municipal de Pontevedra, a renovación do primeiro Campo de herba sintética da Xunqueira ou a creación de novas instalacións como o Pavillón da Parda ou outros campos de herba sintética no rural.
Pero dentro deste plan tamén teñen o seu protagonismo as instalacións do rural. A reparación do Pavillón de Marcón, é un exemplo, ao que tamén se suma outra reparación -máis pequena- no pavillón de Salcedo onde se habilitará un peche metálico para gardar do material deportivo, por valor de pouco máis de 4.000 euros.
Saúdos ;-))