Máis de 90.000 euros para rehabilitar a estrada da Estación fitopatolóxica do Areeiro até Agrovello, en Lourizán

8

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de contratación da rehabilitación integral da estrada que une os lugares do Pozo con Agrovello, na parroquia de Lourizán. É un proxecto que terá un custe de 92.683,16 euros que consistirá na pavimentación de toda a vía, que se atopa en moi mal estado, e incluirá a canalización de augas pluviais seguindo o seu discurrir habitual e a instalación de lombos, entre outras medidas.

O proxecto xa fora presentado aos veciños polo concelleiro delegado da parroquial, Demetrio Gómez e tivo moi boa acollida, especialmente porque este é unha das actuacións priorizadas no Consello parroquial.

A rehabilitación farase dende a sede da Estación fitopatolóxica do Areeiro até o final do lugar de Agrovello, uns 720 metros. Este proxecto está incluído dentro dun máis global que pretende mellorar a conexión da parroquia de Lourizán co centro da cidade, dende a avenida de Vigo até o final da parroquia, no lugar de Cunchidos, seguindo as vías municipais rehabilitadas e con tráfico calmado.