O convenio do Gran Montecelo será unha realidade o vindeiro día 20

26

A Xunta de Goberno Local aprobou esta o convenio de colaboración que se asinará o vindeiro 20 de xullo entre o Concello de Pontevedra e a Consellería de Sanidade. Esta aprobación era un dos trámites necesarios para a súa sinatura, ao igual que dar conta no vindeiro pleno.

O portavoz do Goberno, Raimundo González Carballo explicou que a sinatura do convenio suporá un gran esforzo por parte do Concello co obxectivo de mellorar este servizo público para toda a área sanitaria norte da provincia.

O Concello achegará 4 millóns de euros, ademais de eximir ao Sergas do pago da Licenza, taxas e ICIO, por valor duns 5 millóns de euros, construír a vía perimetral do novo hospital, dotalo de todos os servizos -especialmente custoso o da auga-, e exonerar do pago do IBI que na actualidade é de 207.000 euros pero ao que habería que engadir a inclusión da terceira ampliación máis o novo edificio.

A sinatura será do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e do conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña, pero tamén asistirá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.