Xa están instalados os tres composteiros comunitarios no barrio de Monte Porreiro

14

O barrio de Monte Porreiro xa ten instalados os seus tres composteiros comunitarios. Están localizados na praza de Europa, na rúa Italia e na rúa Alemaña. Son 18 módulos (seis en cada un) para realizar os distintos procesos de tratamento do compost. Neste momento están precintados, pero poderán empezarse a usar nuns días.

Estes primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó con usos especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes…), xa que no rural o xeral será o uso de compostoiros individuais.

Paralelamente o Concello de Pontevedra está a tramitar o prego de condicións para a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, onde os veciños pediron pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo e para o presente exercizo económico hai consignada unha partida de 130.000 euros.

Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porriro e 105 módulos no de Campolongo. O despregue comezará a volta do verán.

O proceso da compostaxe

Cabe lembrar que proceso da compostaxe é un proceso biolóxico aeróbico no que se mezclan os restos de comida e vexetais do lixo (que supón máis do 40% do lixo que xera cada domicilio) cun estruturante ou parte seca que provén de podas de materia leñosa.

Os veciños só terán que depositar o seus residuos orgánicos no primeiro módulo do composteiro e aportar un pouco de estruturante. Despois serán os mestres e mestras composteiros que a Deputación ten asignados a estes composteiros comunitarios, os que se encarguen de controlar que todo o proceso se faga correctamente realizando medicións de temperatura, os volteos necesarios para osixenar a mistura e corrixir os posibles problemas que se presenten.

Os composteiros comunitarios están formados por tres módulos dun metro cúbico que darán servizo a unhas 60 persoas. Os cidadáns terán que depositar os seus desperdicios no primeiro dos módulos, que se calcula que estará cheo no prazo dun mes para que logo os mestres composteiros vaian trasladando o produto ao módulo seguinte. Logo doutro mes, a materia orgánica pásase ao terceiro módulo. Pasados uns 90 días xa se obtén o compost.